Santiago activa a protocolo de emerxencias meteorolóxicas
En particular, prégase á cidadanía que respecte os precintos e peches decretados polo Concello en parques, beirarrúas ou calzadas
Ante a alerta meteorolóxica decretada para hoxe, sábado 21 de decembro, o Concello de Santiago quere reiterar á cidadanía a necesidade de extremar as precaucións e adoptar as debidas medidas de seguridade, atendendo as indicacións da Policía Local e dos Bombeiros.
En particular, prégase á cidadanía que respecte os precintos e peches decretados polo Concello en parques, beirarrúas ou calzadas. Neste sentido e mentres persistan as malas condicións meteorolóxicas, permanecerán precintados os parques municipais, e recoméndase non transitar por zonas arboradas.
Tamén se suspenderán este sábado e o domingo as actividades de todos os campos de fútbol base municipais: As Cancelas, Santa Isabel, Villestro, Conxo, Sergas e Belvís. Igualmente, permanecerán pechadas ao público as piscinas e as pistas de pádel Fontes do Sar
O Concello recomenda á cidadanía adoptar as debidas precaucións durante estas xornadas de mal tempo, tales como retirar obxectos que poidan caer á rúa dende tellados balcóns e fiestras; asegurar portas e fiestras; evitar camiñar preto das fachadas dos edificios e vixiar a posible caída de obxectos; ou evitar pasar preto de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que poida derrubar o vento.
O Concello ten activados todos os seus servizos de emerxencias, coa participación de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Parques e Xardíns e as concesionarias Viaqua e Urbaser. Ante calquera emerxencia os/as cidadáns/ás poden chamar ao 112 (Emerxencias de Galicia), 080 (Bombeiros) ou 092 (Policía Local).