Preto de 2.000 incidencias durante a noite pola borrasca Elsa
En canto as incidencias, foron case 1800 as contabilizadas no CIAE, entre as 00:00 horas do pasado día 18 e as 07:00 horas desta mañá, todas elas provocadas polo paso da borrasca Elsa
Os efectos da borrasca Elsa deixan unha vítima en Santiago de Compostela. O corpo dun home foi atopado a pasada noite baixo un muro que se derribara durante a tarde, no Parque de Bonaval. Así o relataba un particular ao 112 Galicia, sobre as 22:00 horas.
Tras recibir o aviso, o 112 puxo os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santiago e da Policía Local. Tamén foron informados os axentes da Policía Nacional e os efectivos de Protección Civil da cidade.
Tamén, esta mañá o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia dun accidente laboral na Gudiña (Ourense). Tratouse dun membro do GES desa localidade que resultou ferido mentres traballaba na sinalización dunha estrada, no lugar de A Herosa por mor dun anegamento. Unha ponte cedeu produciu un socavón e feriu ao operario que, aínda que non parecía revestir gravidade, foi trasladado ata o Hospital de Verín. O accidente ocorreu ao fío das 07:00 horas desta mañá.
En canto as incidencias, foron case 1800 as contabilizadas no CIAE, entre as 00:00 horas do pasado día 18 e as 07:00 horas desta mañá, todas elas provocadas polo paso da borrasca Elsa.
As tipoloxías que mais se repetiron nese período foron as caídas de árbores e pólas nas estradas (628), as accións de prevención de risco (194), inundacións nas vías de circulación (130), anegamentos en vivendas(134), anegamentos en garaxes (46), obxectos nas estradas (69), cables e postes de luz e de telefonía caídos (143).
Por provincias, a de Pontevedra foi a mais afectada con (650) incidentes xestionados, A Coruña con (594), seguida a de Ourense con (286) e, por último, a de Lugo con 216 incidencias rexistradas.
En canto aos concellos que mais incidencias rexistraron destacamos na provincia da Coruña os de Sada e Carballo con (50) cada un deles, o de Oleiros con (37), o de Cambre con (31) e o de Fene con (24). Na provincia de Pontevedra, o concello de Vigo con (106), o de Pontevedra con (32), o de Cangas con (30) e o de Mos con (24). Dentro da provincia de Ourense, o concello de Ourense contabiliza (31), o de Verín (20), o de Pereiro de Aguiar (18) e os de San Cibrao das Viñas e o de Xinzo de Limia con (13) incidencias rexistradas cada un deles. Por último, na provincia de Lugo destaca o concello de Lugo con (10) incidentes, o de Monforte con (9) e os de Mondoñedo e o de Pantón con (7) incidentes.
Por outra banda, en Ourense, na rúa das Laxas derribouse un muro de contención, caeron pedras de gran tamaño que impedían a circulación por dita rúa. En Bueu, caeu un muro de pedra e terra de grandes dimensión, cortada parcialmente a EP-1302. Tamén, esta noite, en Arteixo, os efectivos de Protección Civil comunicaron ao 112 Galicia do anegamento da estrada que une Caión e Balcobo, en Morás. Ademais do anegamento da Área Recreativa de Xeixedo e dun desprendemento que provocou o corte dunha estrada na zona de Frial.
Tamén, esta noite, en Verín, Protección Civil da localidade sinalizou o corte dun tramo da estrada que vai de Verín a Cabreiroá, por mor dun anegamento. Así mesmo, en Carballo, a Policía Local informaba de dous coches atascados na recta de Rus, por mor dunha bolsa de auga. Un dos implicados foi quen alertou ao 112 Galicia. Ninguén resultou ferido.
En Ames, a estrada DP-0201 estivo cortada ao tráfico na Ponte de Maceira polo desbordamento do río Tambre. Actuaron para restablecer as condicións de seguridade a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e o GES de Brión.
Ademais, cómpre destacar que o pobo de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo, atópase incomunicado debido a que o acceso a esta poboación é unha ponte que está completamente oculta pola auga. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no pobo hai unhas vinte vivendas, das cales dúas teñen anegado o seu baixo e os seus habitantes encóntranse en bo estado. Foi unha persoa particular quen daba conta da situación ao 112 Galicia ao fío das 5:00 horas de onte. A partir de aí, informouse á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo, á Garda Civil, ao GES da Gudiña e aos Bombeiros de Valdeorras como medida de prevención.
En Val do Dubra anegouse o patio dun colexio en Portomouro por mor do desbordamento do río Tambre. Por iso, a modo de prevención, o alumnado saíu antes da hora estimada das súas instalacións. Foi a Agrupación de Protección Civil da localidade quen alertou dos feitos ao 112 Galicia ao fío das 14:00 horas deste xoves. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Garda Civil.