Galicia rexistra centos de anegamentos polo temporal que desbordou varios ríos
En total, nesta comprobación, o CIAE 112 Galicia contabilizou un total de 1575 incidencias, das cales 604 alcanzáronse na provincia de Pontevedra, 536 na de A Coruña, 243 en Ourense e 198 en Lugo
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar un total 118 anegamentos en vivendas desde as 00:00 horas e as 18:00 horas de onte por mor da meteoroloxía adversa na nosa comunidade.
Ademais, as incidencias que máis se repetiron nese período foron as caídas de árbores e pólas nas estradas (590), as accións de prevención de risco (181), inundacións nas vías de circulación (106), restos de terra e pedras na calzada (95), caídas de cables da luz e de teléfono (72) e esborrallo de postes de electricidade e de teléfono.
En total, nesta comprobación, o CIAE 112 Galicia contabilizou un total de 1575 incidencias, das cales 604 alcanzáronse na provincia de Pontevedra, 536 na de A Coruña, 243 en Ourense e 198 en Lugo.
Por outra banda, en Ames, a estrada DP-0201 permanece cortada ao tráfico na Ponte de Maceira polo desbordamento do río Tambre. Neste momento actúan para restablecer as condicións de seguridade a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e o GES de Brión.
Ademais, cómpre destacar que o pobo de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo, atópase incomunicado debido a que o acceso a esta poboación é unha ponte que está completamente oculta pola auga. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, no pobo hai unhas vinte vivendas, das cales dúas teñen anegado o seu baixo e os seus habitantes encóntranse en bo estado. Foi unha persoa particular quen daba conta da situación ao 112 Galicia ao fío das 5:00 horas. A partir de aí, informouse á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Viana do Bolo, á Garda Civil, ao GES da Gudiña e aos Bombeiros de Valdeorras como medida de prevención.
Por útlimo, en Val do Dubra anegouse o patio dun colexio en Portomouro por mor do desbordamento do río Tambre. Por iso, a modo de prevención, o alumnado saíu antes da hora estimada das súas instalacións. Foi a Agrupación de Protección Civil da localidade quen alertou dos feitos ao 112 Galicia ao fío das 14:00 horas. Decontado, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso á Garda Civil.