Rescatan a dúas persoas do interior dun vehículo envorcado en Tomiño
Unha vez rescatados, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que ambos ocupantes, un home e unha muller, foran valorados polos persoal sanitario
Dúas persoas foron rescatadas do interior dun vehículo tras quedar envorcado cando circulaba pola estrada de Goian a Vilanova de Cerveira, no concello de Tomiño.
Foi a chamada dun dos familiares dos ocupantes quen, ás 08:15 horas, alertaba ao 112 Galicia do ocorrido. Indicaba que o vehículo quedara envorcado nese lugar e comezaba a entrar auga no seu interior.
Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia comunicaban o sucedido aos servizos sanitarios de urxencia, aos Bombeiros de Baixo Miño e Vigo, aos membros do GES da Guarda e aos axentes de Tráfico. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade.
Unha vez rescatados, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que ambos ocupantes, un home e unha muller, foran valorados polos persoal sanitario no mesmo lugar do accidente.