O Clínico celebrou o Día Nacional da Esclerose Múltiple
No Hospital Clínico de Santiago realizáronse o ano pasado preto de 2.300 consultas e atendéronse 916 pacientes de forma periódica
A Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza súmase á celebración do Día Nacional da Esclerose Múltiple (EM), unha doenza que lle afecta a máis de 4.000 pacientes de Galicia, unha prevaleza de 183 pacientes por cada 100.000 habitantes, cifra que vai aumentando cada ano (descoñécese o por que deste incremento), e que sitúa a Galicia como zona de alta frecuencia da enfermidade.
A esclerose múltiple é a enfermidade do sistema nervioso máis frecuente en adultos novos de entre 20 e 40 anos e despois dos accidentes de tráfico é a primeira causa de discapacidade en occidente. Hai poucos casos en nenos e en persoas maiores de 55-60 anos. Afecta con máis frecuencia a mulleres, nunha proporción de 3:1. En España existen uns 47.000 pacientes.
A xerente da área de Compostela, Eloína Núñez e o responsable da Unidade de EM no Clínico, José María Prieto, visitaron as mesas que a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple instalaron esta mañá no hospital.
O Hospital Clínico Universitario é o único centro de Galicia de referencia en Esclerose Múltiple (CSUR) e un dos 12 centros nacionais, dende decembro do 2012. Isto permítelle formar parte de ensaios de fármacos en estudo nesta enfermidade e desenvolver 3 proxectos de investigación propios con 8 publicacións en libros e revistas da especialidade así como 18 participacións en congresos nacionais e internacionais.
Dende 2009 dispón dun hospital de día cunha actividade asistencial que vai en aumento O pasado ano realizáronse preto de 2.300 consultas e se atenderon de forma periódica 916. Deles, aproximadamente un 30% son de fora da área.
A causa da esclerose múltiple descoñécese. O doutor Prieto asegura que “aínda que a enfermidade non é hereditaria, o paciente que a sofre nace cunha predisposición xenética, e o contacto con algún factor medioambiental que hoxe descoñecemos desencadearía unha reacción dos sistema defensivo do organismo (o sistema inmunolóxico) que non recoñecería como propias determinadas proteínas do cerebro provocando un rexeitamento e polo tanto unha lesión neurolóxica”.
Neste sentido, Prieto destaca que “se estudaron factores tan diversos como virus, tóxicos, dietas, temperatura ou humidade ambiental, pero non se puido relacionar ningún deles coa aparición da enfermidade”. Esa lesión é na vaina que serve como illante dos nervios (a mielina) de tal xeito que a súa perda causa trastornos da condución nerviosa que dependendo da súa localización no cerebro dará lugar a distinta combinación de síntomas e de signos neurolóxicos (de aí o nome de múltiple). Segundo o doutor Prieto “a lesión desa vaina illante pode recuperarse por completo e polo tanto recobrarse unha función normal ou deixar unha cicatriz endurecida, de aí o nome de esclerose, causante dunha secuela neurolóxica”.