‘Las damas del canapé’, de Juan Carlos Fernández León, gañador do XXX Premio Literario Camilo José Cela
O relato gañador, escollido entre un total de 148, foi valorado pola súa orixinalidade e estrutura
A obra Las damas del canapé, de Juan Carlos Fernández León, é a gañadora do concurso de narrativa XXX Premio Literario Camilo José Cela. O xurado do certame tomou o acordo por unanimidade, tras varias valoracións e votacións, na súa reunión deste mediodía no Salón de Plenos do Concello de Padrón. Ao concurso presentáranse un total de 148 relatos.
Las damas del canapé, que se presentou co lema Ana Celeste, foi valorada pola súa orixinalidade e estrutura. O xurado destaca “a descarada voz narrativa que rompe as fronteiras do relato para dirixirse a un xurado ‘real’ ao que provoca, esixe e orienta na necesidade da situación idónea para comprender calquera experiencia de lectura”.
O AUTOR
Juan Carlos Fernández León, madrileño residente en Fuenlabrada, é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Complutense de Madrid. Na actualidade traballa como profesor de lingua e literatura nun Instituto de Educación Secundaria. É autor de relatos publicados en antoloxías colectivas e colabora nas revistas literarias Eñe, El problema de Yorick, Cuaderno Sie7e, Culturamas e Cuadernos del Matemático.
Entre outros premios, foi galardoado co XX Tiflos polo libro de contos De sótanos y azoteas, o Premio Nacional de Periodistas de Ávila, o Villa de Mazarrón-Antonio Segado del Olmo, o de Alsa ou o recente José Calderón Escalada. Foi finalista do Max Aub, de La Felguera, do Encarna León e do da UNED.
O PREMIO
Este certame, convocado polo Concello de Padrón para relatos orixinais e inéditos cunha extensión de entre 12 e 25 folios, ten un premio de 1.500 euros e unha estatuíña de Camilo José Cela. O certame, creado en outubro de 1989, serve de homenaxe perpetua á figura humana e literaria do autor nado en Iria Flavia, Premio Nobel de Literatura naquel ano.