miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A colección do artista Juan Luís da Deputación permanecerá en Santiago de Compostela até fin do 2032

A colección do artista Juan Luís da Deputación permanecerá en Santiago de Compostela até fin do 2032
A colección do artista Juan Luís da Deputación permanecerá en Santiago de Compostela até fin do 2032

A cesión temporal permitirá ampliar a exposición do Museo Catedral no Pazo de Xelmirez 

Os oito óleos do pintor compostelán Juan Luís López (1894-1984) permanecerán en Santiago de Compostela até final de 2032, cando rematen os tres próximos anos xubileus. O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas, participou na xuntanza en que se acordou prolongar o depósito da obra na exposición no Museo Catedral de Santiago de Compostela.

Até fin de 2032 estarán depositadas en Santiago de Compostela as oito obras do pintor Juan Luís propiedade da Deputación da Coruña e que teñen a súa localización habitual no Pazo de Mariñán. Co acordo tomado polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas, en reunión coa concelleira de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e o director técnico do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo, os oito óleos de Juan Luís permanecerán na exposición até o fin dos próximos tres anos xubilares que terán lugar nos anos 2021, 2027 e o propio 2032, en que se agarda unha maior afluencia de persoas ás instalacións catedralicias.

"Translación", "Voo de anduriñas", "Almanzor", "Construción da Catedral", "Traslado das campás", "Coronación de Alfonso VII", "Mestre Mateo" e "Construción da Catedral", moitas delas relacionadas coa propia historia da Catedral, son os títulos das obras que pertencen ao patrimonio da Deputación da Coruña que se poden visitar na exposición "Juan Luís e a Catedral de Santiago", aberta po 18 de xullo do pasado ano polo Museo Catedral na Sala Manrique do Pazo de Xelmírez.

A exposición, que tiña un período de apertura previsto até o vindeiro 6 de xaneiro de 2020, prolongarase así até fins de 2032 mostrando os lenzos que o pintor realizou para o Pabillón de Galiza na Exposición Iberoamericana que tivo lugar en Sevilla en 1929.

"As obras que se mostran no Pazo de Xelmírez forman parte do catálogo do patrimonio histórico e artístico da Deputación da Coruña, un conxunto de grandísimo valor que, desde o goberno queremos difundir e poñer a disposición do público", sinalou o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas que previamente xa mantivera unha xuntanza coa concelleira de Santiago, Mercedes Rosón, co fin de acordar a prolongación da cesión temporal. "Para nós é de especial interese colaborar coas iniciativas que contribúan a difundir e poñer ao dispor da xente o patrimonio da Deputación da Coruña e, polo tanto, colaborar con exposicións ou coa cesión a centros de arte responde a esa vontade de facer pública esta importantísima colección de arte", destaca Xosé Lois Penas.

A historia da Catedral, a tradición xacobea e a propia figura do Mestre Mateo ou o arcebispo Xelmírez, son os motivos destas obras que forman un conxunto realizado polo artista coa dirección do pintor Francisco Lloréns.

A Deputación da Coruña colabora coa mostra na cesión das pezas que forman parte do seu catálogo e que se expoñen habitualmente no Pazo de Mariñán así como apoiando a produción da mostra a través do programa de liñas de apoio que destina a museos e fundacións. 

Comentarios
Lo más