miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Máis de 3.000 doentes da área de Santiago poderán revisar o seu marcapasos nos centros de saúde

Máis de 3.000 doentes da área de Santiago poderán revisar o seu marcapasos nos centros de saúde
Máis de 3.000 doentes da área de Santiago poderán revisar o seu marcapasos nos centros de saúde

A Área Sanitaria de Santiago e Barbanza está a incorporar nova tecnoloxía que permite aos doentes con marcapasos evitar a visita rutineira anual ao Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico en Santiago para descargar os datos referidos á súa actividade anua

 Así o puideron comprobar esta semana os primeiros 2 doentes, no centro de Saúde de A Estrada. Continúa pois a aposta da área sanitaria compostelá por achegar a atención sanitaria de calidade ao punto máis cómodo para o doente, evitándolle os traslados innecesarios ata o hospital, coas máximas garantías sanitarias.

Paulatinamente, os preto de 150 doentes da zona de A Estrada con marcapasos e os máis máis de 3.000 doentes na área de Santiago poderán consultar nos 14 puntos estratéxicos onde se instalará esta tecnoloxía ó longo do ano 2020. A selección destes puntos en distintos servizos de atención primaria fíxose segundo criterios de localización xeográfica e nas áreas que superasen a centena de doentes portadores de dispositivos cardioimplantables. O persoal de enfermería do seu centro de referencia descargará toda a información de rexistro do dispositivo que inmediatamente incorporarase, a través da plataforma TELEA, á historia clínica do doente, poderá ser visualizada polo cardiólogo no hospital o mesmo día da transmisión e xerar un informe que automaticamente quedará almacenado na historia clínica electrónica. O paciente recibirá una notificación vía SMS ou telefónica do resultado da transmisión. Isto vai permitir dar unha atención de calidade aos doentes nas revisións rutineiras sen necesidade de desprazamento e sen absentismo dos familiares ou acompañantes en activo.

A esta iniciativa hai que engadir que todos os desfibriladores implantados nos doentes da Área Sanitaria de Santiago contarán cun sistema de monitorización remota que permite o seguimento do doente a distancia, que consta dun transmisor ubicado no seu propio domicilio que permite un control diario e posibilita a identificación precoz de alertas clínicas. Asemade, este sistema de monitorización intégrase na plataforma TELEA para que toda a información dos diferentes dispositivos desfibriladores poida ser almacenada na historia clínica do doente e poida ser visualizada por profesionais sanitarios, non só de Cardioloxía senón tamén de Atención Primaria.

Os marcapasos son dispositivos cardíacos implantados que tratan patoloxías cardíacas que cursan con frecuencias cardíaca lentas. A causa máis frecuente é a dexenerativa do sistema de condución do corazón pero tamén se observa en patoloxías inflamatorias, infiltrativas e isquémica. Os desfibriladores son dispositivos cardíacos que se implantan en doentes que padecen arritmias ventriculares graves ou están en risco de padecelas. A causa máis frecuente destas é a cardiopatía isquémica pero tamén se ven noutras miocardiopatías e en enfermidades eléctricas primarias do corazón.

No ano 2019 atendéronse case 6.000 consultas, a 3.149 doentes, na Unidade de Seguimento de Dispositivos Cardioimplantables no Hospital Clínico das que un 70% aproximadamente non necesitaron axustes na programación do dispositivo nin atención clínica adicional. Os doentes con algún síntoma ou aqueles nos que se detecte algunha alteración na revisión serán atendidos no hospital.

Comentarios
Lo más