miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Comercio do Ensanche reparte este Nadal máis de 500 agasallos

O Comercio do Ensanche reparte este Nadal máis de 500 agasallos
O Comercio do Ensanche reparte este Nadal máis de 500 agasallos

Entre os premios hai tablets, descontos, moda e complementos, artigos de beleza e para mascotas e un vale de 1.000 euros en obras de arte para gastar nas galerías de Pasearte

Case un cento de comercios do Ensanche compostelán reparten este Nadal agasallos a través da campaña de boletos con premio directo impulsada por Santiago Centro, Área Comercial. Ata o próximo 5 de xaneiro, os establecementos adheridos distribúen máis de 500 premios, achegados polos propios negocios, pola Fundación Santiago Centro e polas galerías de arte que participan na mostra de arte contemporánea en escaparates Pasearte, nun esforzo para promover afidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector.

Os agasallos que se poden atopar nos boletos van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; tablets e lápices de memoria USB; mochilas; zapatos; pequenos electrodomésticos; prendas de moda; cursos personalizados de inglés ou de golf; vales para ximnasio e spa; complementos; artigos deportivos; reloxos; bonos de desparasitación para mascotas; obras de arte das galerías que participan en Pasearte; cestas de Nadal; convites para almorzar no Ensanche e mesmo un vale de 1.000 € achegado por Santiago Centro para gastar en obras artísticas das galerías Metro, Trinta, Luisa Pita ou Nordés.

A campaña permanecerá vixente ata o día 5 de xaneiro e o seu funcionamento é moi sinxelo: os establecementos entregan aos clientes un boleto que, ao abrirse, indica se está premiado e onde se pode conseguir o agasallo, sen sorteos e de forma inmediata.

Santiago Centro conta nesta iniciativa co apoio do Concello de Santiago, da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia. Trátase de apoiar ás empresas no desenvolvemento da súa actividade nunha época clave do ano como é o Nadal, reforzando a zona moderna de Compostela como área principal de compras da cidade.


Comentarios
Lo más