Máis de 100 de incedencias en toda Galicia polo temporal de vento e choivas
Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada con 86 incidencias contabilizadas
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia vén de rexistrar un total de 184 incidencias debido ao fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por choivas que afectou á nosa Comunidade ao longo do día de onte.
Por provincias, Pontevedra foi a máis afectada con 86 incidencias contabilizadas, A Coruña con 63, seguida de Lugo con 24 e, por último, a provincia de Ourense con 11 incidencias. A caída de árbores e pólas nas estradas (56), a presenza de bolsas de auga nas vías de circulación (30) e restos de pedra e terra no asfalto (25) foron as incidencias que máis se repetiron.
En canto aos concellos, na provincia de Pontevedra destaca o de Vigo con 18 incidencias, Redondela con 14 e o de Mos con 7. Ademais, 7 incidencias alcanzáronse no concello coruñés de Boiro e 5 en Ferrol. Por outra banda, resaltar na provincia de Lugo as 4 incidencias acadadas en Becerreá e, por último, en Ourense, o concello do Pereiro de Aguiar sumou 3 incidencias.
Cómpre salientar que, en Guitiriz, dúas persoas quedaron atrapadas no interior do coche no que circulaban ao rematar atascado por mor da crecida do río. Sucedeu ao fío das 7:15 horas no lugar da Pobra de Parga, na estrada que une Parga e Mouriz. Nada máis ter constancia do ocorrido a través dun dos ocupantes do turismo, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Vilalba, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil.
Segundo indicaron os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vilalba ao 112 Galicia, as persoas que viaxaban no vehículo puideron saír e atópanse en bo estado. Por outra banda, retiraron o coche da zona afectada e a estrada permanece cortada.
Ademais, un desprendemento de terra en Baralla obrigou a interromper o tráfico de vehículos na estrada LU-710, entre os puntos quilométricos 0 e 1,500.
Foi unha persoa particular quen alertou do desprendemento ao 112 Galicia pasados uns minutos das 7.00 Horas. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía. Ademais, desde o 112 Galicia informouse dos feitos aos Bombeiros de Sarria e ao GES de Becerreá.