miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Padrón abre as inscricións na IV Carreira Solidaria San Silvestre

Padrón abre as inscricións na IV Carreira Solidaria San Silvestre
Padrón abre as inscricións na IV Carreira Solidaria San Silvestre

Para participar só é preciso doar un quilo dalgún alimento non perecedoiro, que se entregará ao retirar o dorsal. Este ano as prioridades son o leite e o aceite

A Concellería de Deportes do Concello de Padrón, en colaboración con Vermú Petroni e o club Atletismo Sar, organizan a cuarta edición da Carreira San Silvestre Solidaria Vermú Petroni Concello de Padrón. Unha proba que terá lugar o martes 31 de decembro, ás 17:00 horas, con saída e chegada no Campo do Souto (Praza de Abastos), e cuxas inscricións poden facerse dende onte e ata as 23:59 horas do domingo 29 de decembro na web: www.emesports.es.

O concelleiro de Deportes, Ángel Rodríguez Conde, lembra que “a proba ten un carácter solidario e o seu obxectivo é recoller alimentos para as familias máis necesitadas. Por iso, o prezo das inscricións será a doazón dun quilo dalgún alimento non perecedoiro que se entregará o mesmo día da carreira, ao retirar o dorsal”. Así mesmo, puntualiza que “unha vez consultado a Cáritas, fixéronnos saber que as necesidades prioritarias nestes momentos son o leite e o aceite, sendo por suposto ben recibidos todos os alimentos”.

CARREIRA

A carreira constará dunha volta neutralizada polo casco urbano e unha volta ao circuíto homologado de 5 quilómetros, con saída única para todos os participantes. Como a proba ten un carácter solidario e o que se busca é conseguir a maior participación posible, a carreira poderá completarse correndo, andando ou en bicicleta. Por iso mesmo, non haberá categorías de competición, senón que se premiará aos 4 primeiros clasificados femininos e masculinos, sempre que completen o percorrido correndo ou andando. Uns premios que consistirán en cheques solidarios que se doarán as asociacións benéficas Cáritas Padrón e Asociación Benéfica San Vicente de Paul.

A maiores haberá premios e sorteos especiais. Entre todos os adultos participantes tamén haberá un sorteo de botellas de Vermú Petroni e do novo e xenuino Bitter; así como dun estuche de Vermú Petroni entre todos os participantes que compitan disfrazados. BARALLOCAS sorteará un vale de tres horas de estadía na súa Ludoteca e haberá tamén un sorteo sorpresa para os menores que participen na proba. Finalmente, establécese o Premio Especial Petroni – Obradoiro CAB para aquel grupo entre 4-8 persoas co disfrace máis divertido. Un premio consistente na asistencia a un partido do Obradoiro en palco VIP a pé de pista.

A entrega de trofeos está prevista a partires das 18:30 horas no mesmo Campo do Souto, ao carón da Carpa Open Air. Para que a espera se faga máis amena, Open Air amenizará o evento coa súa música, e Barallocas coas súas mascotas. A organización porá a disposición dos participantes bebidas e produtos típicos destas datas. Ademais, todos os participantes menores de idade recibirán un cono de lambonadas á súa chegada á meta.

Comentarios
Lo más