Liberan a unha muller que quedou atrapada no interior do seu vehículo tras unha saída de vía
O accidente tivo lugar ás 12:15 horas e foi a propia implicada quen chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda
Unha muller foi liberada polos servizos de emerxencia esta mañá despois de sufrir unha saída de vía no concello coruñés de Vilasantar.
O accidente tivo lugar ás 12:15 horas e foi a propia implicada quen chamou ao 112 Galicia para solicitar axuda. No seu relato, a alertante indicaba que non era capaz de saír polos seus propios medios tras envorcar co seu automóbil mentres circulaba pola estrada de Vilasantar a Armental.
De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Arzúa e dos membros do GES de Curtis. Unha vez no punto, os equipos de emerxencia confirmaron que foi necesario liberar á muller para que puidese ser atendida polos profesionais sanitarios.
Para garantir as condicións de seguridade na circulación, ata o lugar tamén desprazáronse os axentes da Garda Civil de Tráfico e voluntarios de Protección Civil da localidade.