Cáritas Ribeira organiza o seu festival benéfico de Nadal
Como vén sendo habitual, Manuel Mirás aproveitou este acto para facer balance e salientou que están nos mínimos históricos en canto ao número de familias atendidas por Cáritas Ribeira nos seus 39 anos de traxectori
Un decembro máis, a organización Cáritas Parroquial de Ribeira organiza o seu Festival Benéfico de Nadal, que este ano recalará no Auditorio o domingo 15 de decembro e cuxo programa foi presentado esta mañá pola súa presidenta Teresa Pérez e por Manuel Mirás, ademais da concelleira de Cultura María Sampedro.
Teresa Pérez fixo fincapé en que a intención deste festival non é tanto recadar como concienciar á xente sobre a existencia de Cáritas no noso municipio e o traballo que fai polos máis desfavorecidos da nosa sociedade.
O festival dará comezo ás 19 horas e contará coas actuacións do grupo de pandereteiras da Terceira Idade de Ribeira; o cantautor Álex Millet; a Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Ribeira e, como novidade, o seminarista Ange Patrick, dotado dunha portentosa voz como xa demostrou noutros eventos realizados na cidade. O espectáculo é totalmente gratuíto e sortearanse agasallos entre os asistentes (os tickets dos sorteos xa están a venta).
María Sampedro destacou o “labor extraordinario” que realizan as persoas integrantes de Cáritas Ribeira, que son capaces de chegar onde moitas veces non chegan as administracións. A este respecto, Terese Pérez salientou a boa sintonía e colaboración existente entre esta organización benéfica e os Servizos Sociais do Concello.
MÍNIMOS HISTÓRICOS
Como vén sendo habitual, Manuel Mirás aproveitou este acto para facer balance e salientou que están nos mínimos históricos en canto ao número de familias atendidas por Cáritas Ribeira nos seus 39 anos de traxectoria: un total de 133, cando nos peores tempos da crise se superaban as 300 familias e aínda o ano pasado rondaban os 170.
A este respecto, detectaron que sobre todo se creou moito emprego nas conserveiras. Malia así, sinalou que nun 25% dos casos a pobreza está cronificada.
Este anos Cáritas contratou unha educadora social con mois bos resultados e durante o Nadal levará a cabo novas iniciativas como a campaña de recadación de alimentos nos supermercados.