A Marea Cidadá de Noia levará o estado do Servizo de Atención ao Fogar no pleno
A Marea Cidadá de Noia buscará instar á Xunta a aumentar as horas asignadas a este servizo e a dar cobertura a todas as solicitudes de 2019
O Servizo de Atención ao Fogar é un dos piares da atención á xente maior e á dependencia. Trátase dun servizo de carácter local cuxa actividade está condicionada á consignación económica por parte da Xunta de Galicia, e en concreto, á Consellería de Política Social.
A Marea Cidadá de Noia buscará, no próximo Pleno, que sexa o propio consistorio noiés o que reclame conxuntamente o aumento das horas deste servizo e a súa extensión ate cubrir todas as solicitudes recibidas en 2019. .
"Unha sociedade que se di democrática e xusta non pode deixar de lado precisamente ás persoas máis vulnerables, senón que debe darlles o coidado e a atención que precisan e merecen", aseguran dende a formación.
"Dende a Marea Cidadá de Noia non podemos entender que se descoiden e se aparten este tipo de servizos precisamente cando a demanda, derivada da actual situación demográfica, é cada vez maior. Cómpren políticas activas de coidado para as persoas máis maiores á vez que se traballa por unha sociedade sostible e polo asentamento poboacional", rematan os da Marea Cidadá.