jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

A Asociación de Periodistas de Galicia celebra un congreso sobre igualdade nos medios de comunicación

A Asociación de Periodistas de Galicia celebra un congreso sobre igualdade nos medios de comunicación
A Asociación de Periodistas de Galicia celebra un congreso sobre igualdade nos medios de comunicación

 O congreso, organizado coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, foi presentado onte en rolda de prensa polo presidente da APG, Arturo Maneiro, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella

A Asociación de Periodistas de Galicia, APG, vai celebrar os días 28 e 29 de novembro o congreso “Medios de Comunicación e igualdade: unha mirada crítica ao tratamento da violencia machista”, concibido como un foro para debatir sobre a gran influencia dos medios de comunicación e da linguaxe xornalística cara á construcción dunha sociedade máis igualitaria. O congreso, organizado coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, foi presentado onte en rolda de prensa polo presidente da APG, Arturo Maneiro, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.

Na súa intervención, Arturo Maneiro sinalou a relevancia de estudar “desde todos os puntos de vista posibles, tamén o académico e o xurídico” a situación da comunicación nesta materia, poñendo de relevo que “todos estamos concernidos pola igualdade, sexa cal sexa o medio e o soporte” e destacando a oportunidade dun foro destas características “nun momento no que a actualidade está marcada por diferentes xuízos moi mediáticos no que se xulgan casos de asesinato e violación de mulleres”. Para conseguir unha completa análise da situación, o congreso contará cun sólido panel de relatoras, “todas elas de recoñecido prestixio e experiencia”, en palabras do presidente da APG. 

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apelou na súa intervención á “necesaria formación en perspectiva de xénero dos profesionais do xornalismo”, tendo en conta “o importante papel dos medios de comunicación contra esta lacra que nos avergoña como sociedade”. Visibilizar a magnitude da violencia de xénero e transmitir a conciencia de tolerancia cero son algunhas das relevantes achegas do xornalismo citadas pola secretaria xeral, que cualificou de “insustituible” o traballo dos medios cara á loita contra a violencia de xénero. Rematou agradecendo o compromiso dos medios de comunicación no desenvolvemento desta iniciativa da APG.

O congreso, que terá lugar no hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela, obedece á necesidade de afondar nunha análise profesional incisiva da que se derive o compromiso conxunto dos medios de comunicación de Galicia para un tratamento informativo que incorpore, de forma xeral, a perspectiva de xénero. Neste contexto, o Congreso servirá como punto de encontro para analizar o papel dos medios de comunicación no dobre compromiso de visibilizar a contribución das mulleres á sociedade e de aplicar boas prácticas para un tratamento xornalístico eficaz e idóneo da violencia de xénero, de xeito que amáis de informar tamén se cree conciencia social sobre esta lacra

Comentarios
Lo más