miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os procuradores composteláns fórmanse en atención sobre violencia de xénero

Os procuradores composteláns fórmanse en atención sobre violencia de xénero
Os procuradores composteláns fórmanse en atención sobre violencia de xénero

Á inauguración do curso asistiu o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o Colexio de Procuradores conta para impartilo coa colaboración da Escola de Práctica Xurídica da USC

Os procuradores de Santiago de Compostela reciben este mes formación especializada para mellorar a atención que prestan a mulleres e menores que sofren violencia de xénero.

“É fundamental que as vítimas da violencia de xénero se sintan apoiadas e acompañadas polos profesionais que formamos parte do sistema xudicial, queremos estar o mellor preparados posible”, asegura Fernando González Concheiro, decano do Colexio de Procuradores de Santiago.

Á inauguración do curso asistiu o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o Colexio de Procuradores conta para impartilo coa colaboración da Escola de Práctica Xurídica da USC.

A formación, derivada dun convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia, no marco das axudas do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero, consistirá en módulos específicos sobre menores e violencia de xénero, mulleres estranxeiras e aspectos psicolóxicos e sociais, así como os recursos e programas dispoñibles en Galicia neste ámbito.

Entre as e os ponentes encargados da formación estarán Belén Liste, subdirectora xeral da Xunta para o tratamento da violencia de xénero; a avogada Sonia Canay; a fiscal Fuencisla Ladrón de Cegama; a psicóloga Paula Souto; o maxistrado Andrés Lago, e Santiago Reboiras, inspector xefe do grupo de delincuencia económica da CNP da Coruña.

“A formación continua dos colexiados e colexiadas é unha prioridade, sobre todo cando falamos dun tema tan sensible como a violencia de xénero; a loita contra esta lacra social é un compromiso que debemos asumir entre todos”, engade González Concheiro.

Comentarios
Lo más