Vía Galega intervirá no Pleno de Santiago para presentar a campaña para crear emprego digno e frear a emigración
Na última década 216.000 persoas tiveron que marchar de Galicia para atopar traballo, das que 80.000 eran menores de 30 anos
Un representante da plataforma Vía Galega, que integra máis de 60 entidades sociais e culturais en defensa dos dereitos nacionais de Galicia, intervirá no Pleno do Concello de Santiago de Compostela deste mércores para presentar a moción destinada a defender políticas que atallen a emigración coa creación de emprego digno. Esta iniciativa está enmarcada na campaña “Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno”, que se está a presentar en todos os concellos do país.
Na última década emigraron de Galicia 216.413 persoas con idades comprendidas entre os 16 e 54 anos, das que 79.529 eran mozos e mozas de 16 a 29 anos, por falta de oportunidades laborais no noso país, co que iso significa de perda de poboación.
A condición periférica e subordinada da economía galega, a destrución de parte importante da base produtiva, a precariedade no emprego e a ausencia de políticas ambiciosas de igualdade e fomento da conciliación están na base do devalo demográfico do país e do aumento da emigración.
Entre as medidas que recolle a moción está que o Concello de Santiago se dirixa ao Parlamento de Galicia para que tome en consideración a emigración como un drama social e nacional, conciba este problema como unha emerxencia nacional e lle outorgue prioridade ás políticas que ataquen as súas causas, ademais de instar a Xunta de Galicia a impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e creen as condicións para favorecer o retorno das persoas emigradas.