Pechan os parques de Santiago pola alerta de fortes ventos
Así, precintará e pechará temporalmente os parques da Alameda (incluída a carballeira de Santa Susana), Carlomagno e Cotaredo, e a carballeira de San Lourenzo
Ante a alerta amarela meteorolóxica de fortes ventos decretada pola Axencia Galega de Emerxencias, Santiago procedeu dende esta mañá ao peche de varios parques municipais ata que remitan as malas condicións meteorolóxicas. Así, precintará e pechará temporalmente os parques da Alameda (incluída a carballeira de Santa Susana), Carlomagno e Cotaredo, e a carballeira de San Lourenzo.
Ademais, por parte do concello recomendase que se adopten as debidas precaucións durante esta xornada, tales como retirar obxectos que poidan caer á rúa dende tellados balcóns e fiestras; asegurar portas e fiestras; evitar camiñar preto das fachadas dos edificios e vixiar a posible caída de obxectos; ou evitar pasar preto de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que poida derrubar o vento.
O Concello ten activados todos os seus servizos de emerxencias, coa participación de Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Brigada de Vías e Obras e as concesionarias Aquagest e Urbaser.