miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A Deputación ultima os trámites de expropiación das obras de ampliación da estrada Negreira- Pontenafonso

A Deputación ultima os trámites de expropiación das obras de ampliación da estrada Negreira- Pontenafonso
A Deputación ultima os trámites de expropiación das obras de ampliación da estrada Negreira- Pontenafonso

As obras supoñen un importante investimento de 1,44 millóns de euros, dos que 174.698 se destinan a expropiacións

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse onte co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, co que analizou diversos investimentos proxectados pola institución provincial no municipio.

González Formoso anuncioulle ao alcalde o “inicio inminente” dos trámites de expropiación dos terreos afectados polas obras de ampliación da estrada DP 5602 Negreira-Pontenafonso. O vindeiro día 17 de decembro, a Deputación convocará aos titulares dos terreos na Escola de Liñaio para o pago dos depósitos previos.

As obras contan cun importante orzamento de máis de 1,44 millóns de euros, dos que 1.266.128 € serán para a execución dos traballos e 174.698 para as expropiacións necesarias para levalos a cabo. 

Suporán a ampliación da plataforma do vial nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte de Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que o planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección do trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento do drenaxe da vía e sinalización.

PROXECTO PARA A PONTE DE BARBAZÁN

Manuel Ángel Leis trasladou ao presidente a súa preocupación polo “punto negro” que supón a ponte de Barbazán,  debido ao seu trazado e ao estreitamento do vial neste punto, o que ocasiona problemas aos vehículos de maior tamaño coma camións e autobuses e dificulta o cruce de dous coches en condicións de seguridade.

O presidente comprometeuse a estudar este problema, encargando ao servizo provincial de Vías de Obras a redacción dun proxecto técnico que propoña alternativas para mellorar a seguridade na ponte, ampliando a estrutura actual ou construindo unha nova. 

HERBA ARTIFICIAL NO CAMPO DE FÚTBOL DE CEPELO

Manuel Ángel Leis demandou tamén a colaboración económica da Deputación da Coruña para dous proxectos importantes nos que traballa o goberno municipal no ámbito do deporte: renovar o terreo de xogo de herba artificial do campo de fútbol de Cepelo, que experimenta un desgaste importante tras máis de doce anos de uso, e construír unhas novas instalacións para a práctica do ateltismo.

O alcalde destacou a necesidade de renovar o campo de xogo desta instalación deportiva, na que adestran e compiten de forma intensiva máis de 200 futbolistas do municipio, de todas as idades e categorías, e explicou que o seu goberno está estudando a posibilidade de dotar ao concello dunhas novas pistas para a práctica do atletismo.

Formoso comprometeuse a ter en conta a petición do alcalde para garantir que Negreira poda contar cun campo de herba artificial axeitado que permita seguir promovendo a práctica do fúbol no municipio.

Comentarios
Lo más