Arde un alpendre en Paradela
O incendio comezou sobre as 21:15 horas da pasada noite
Un incendio calcinou na súa totalidade unha palleira no concello lucense de Paradela. Ningunha persoa resultou ferida, iso si, arderon os rolos de herba que se almacenaban no seu interior.
Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Sarria, nada mais ser alertados polo 112 Galicia. Tamén foron alertados a Garda Civil, os efectivos do Servizo Emerxencias Supramunicipal, persoal do Concello e do Servizo Provincial de Incendios Forestais.
O incendio comezou sobre as 21:15 horas da pasada noite. A esa hora, un particular indicaba ao 112 Galicia que ardía un alpendre ocupado antigamente por animais e no que actualmente só se almacenaban rolos de herba, en As Bustaregas, en Castro de Rei de Lemos.
Aínda que o lume quedou totalmente extinguido, os profesionais de extinción indicaron que ao longo do día de hoxe vixiarían a zona para evitar que se reavive.