Dous edificios desaloxados por precaución a causa dun incendio nun garaxe en Ordes
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso moi preto das 20:30 horas de onte
Un incendio nun garaxe da Rúa Mediodía, no termo municipal de Ordes, foi a causa pola que dous edificios de catro andares cada un deles foron desaloxados por precaución. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais e, unha vez extinguido o lume, os veciños puideron volver ás súas vivendas, que tampouco resultaron afectadas.
Segundo informaron os Bombeiros de Ordes nada mais dar por rematadas as tarefas de extinción, uns cinco vehículos se viron afectados e, posiblemente, un curtocircuíto nun deles foi o que orixinou o lume.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso moi preto das 20:30 horas de onte. Foi a esa hora, cando os axentes da Policía Local chamaron ao 112 Galicia para solicitar a saída dos Bombeiros por mor dun lume nun garaxe.
Así, os xestores de emerxencias pasaron aviso aos Bombeiros de Ordes, que decontado se desprazaron ao punto e á Garda Civil. Ademais, puxeron en alerta aos Bombeiros de Santiago, de Betanzos e ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención.
Sobre as 23:30 horas, os Bombeiros de Ordes daban por extinguido o incendio.