O PP avoga porque o Concello adopte medidas para eliminar a violencia contra a muller e a explotación sexual
O Grupo Municipal Popular avoga para que o Goberno de Sánchez Bugallo adopte distintas medidas de impulso co fin de eliminar a violencia contra a muller e a explotación sexual.
Os Populares consideran que o Goberno local debe traballar para fortalecer o papel central da Administración municipal na planificación e promoción de medidas contra a violencia de xénero; dinamizar a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, como instrumento operativo no que están representados todos os ámbitos, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero; e facer as modificación precisas nas ordenanzas municipais, para acabar coa tolerancia e permisividade cara á publicidade de servizos sexuais que facilitan actuacións delituosas, conforme ás conclusións do estudo proposto na medida 77 do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.
Ademais, o Goberno local tería que facer todo o posible para que o Centro de Información á Muller (CIM) cumpra o que indica o decreto autonómico 130/2016, do 15 de setembro, que regula o recoñecemento e acreditación deste tipo de centros en Galicia e darlle unha maior entidade á Concellería de Igualdade, contemplando a posibilidade do traslado das súas instalacións á Casa das Mulleres Xohana Torres, para un mellor cumprimento dos seus fins.
Así mesmo, o Grupo Municipal Popular considera que se debe instar á Xunta de Galicia a que continúe no labor de atallar as desigualdades e a violencia de xénero, elaborando un documento de referencia para combater dentro da Comunidade Autónoma a trata con fins de explotación sexual.