Polémico empate do Santiago Futsal en Rivas
O Santiago Futsal viaxaba a Rivas esta xornada para xogar o domingo ás 12:30 no Cerro del Telégrafo. O equipo buscaba a súa terceira vitoria da temporada contra un rival que chegaba último á cita e tras un cambio de adestrador no que Carlos Sánchez asumía a responsabilidade do banco dos madrileños.
Os santiagueses saíron con todo, tomando o control do partido nada máis comezar e monopolizando as ocasións. No minuto 5 Brian adiantou aos visitantes e dous minutos despois Peerapat ampliaba distancias ao poñer o 2-0 no marcador.
Brais, ao deter os disparos dos madrileños en varias ocasións, mantivo a portería galega a cero na primeira parte chegando ao descanso cunha vantaxe que podería ser maior debido ao gran xogo dos brancos.
Na segunda parte o Rivas Futsal reaccionou e comezou asediando a meta rival. Os locais saíron con ganas, conseguindo o 1-2 no minuto 25 a través de Dani. No minuto 29 os tres árbitros madrileños expulsaron a A.Recio, porteiro suplente do Futsal, por protestar unha agresión clara a Pirata, o que comezou a quentar o partido dentro e fóra do terreo de xogo.
Gambín ampliou distancias no 30, pero tan só un minuto despois Jorge achegou aos madrileños colocando o 2-3 no marcador. O Santiago loitaba por manter a súa vantaxe e o Rivas loitaba polo empate, que conseguiu no minuto 38 grazas a Alberto e o seu xogo de 5.
Ningún dos dous equipos quería o empate e ambos loitaban con todo. A Resistencia saíu con porteiro xogador e nunha xogada defensiva cometeu unha sexta falta rigorosa. Os colexiados, pouco acertados ata o momento, seguiron na súa liña expulsando a Alberto Mirás con vermella directa e deixando o equipo coa segunda expulsión do día e cun dobre penalti a falta de 9 segundos.
Brais desviou o chute e finalizou o partido, deixando ao Santiago Futsal cun punto na súa visita ao municipio de Rivas.
“Fixemos a mellor primeira parte do ano. Imos 2-0 ao descanso pero por xogo e ocasións puidemos habelo finiquitado. Co comezo da segunda parte entráronnos as dúbidas e a tensión, o que provocou que non fósemos o mesmo equipo que na primeira metade. Todo iso sumado á mala arbitraxe fixo que acabásemos cedendo dous puntos e que o empate nos saiba a pouco.”