miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Santiago celebrará un encontro entre voluntarios o 5 de decembro

Santiago celebrará un encontro entre voluntarios o 5 de decembro
Santiago celebrará un encontro entre voluntarios o 5 de decembro

A Xunta organiza un encontro entre participantes galegos nos campos de voluntariado de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado. Un acto que terá lugar o vindeiro 5 de decembro no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela. 

Os campos de voluntariado enmárcanse na Campaña de Verán que todos os anos programa a Xunta de Galicia. Neste 2019 ofertáronse un total de 643 prazas, 40 máis con respecto a 2018, en 30 campos diferentes. A temática destas actividades abranguen a medioambiental, a etnográfica, a social, a arqueolóxica e a patrimonial. Todas comparten unha faceta dinamizadora e impulsora da zona onde se levan a cabo, así como o seu carácter internacional coa participación de xuventude doutras nacionalidades.


O Goberno galego organizará actividades durante toda esta semana para promocionar a acción voluntaria. Así, desenvolveranse varias actividades cada día da semana vinculadas a un ámbito concreto. Dentro do voluntariado social, entregaranse os diplomas do curso de lingua de signos para persoas voluntarias que se está levando a cabo de xeito presencial no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela. Cómpre resaltar que esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a Consellería de Política Social e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.

Pola súa banda, a nivel cultural, o martes 3 de decembro realizaranse labores de limpeza da área arqueolóxica no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro. No ámbito do voluntariado educativo, o colexio Carmelitas de Ourense expoñerá todo o traballo que desenvolve no marco do programa Pasaporte Solidario, que por primeira vez este curso forma parte do Plan Proxecta.

Por último, e para finalizar esta Semana do Voluntariado, a Consellería de Política Social programa unha actividade de voluntariado ambiental na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo desde o venres 6 ao domingo 8. Esta acción enmárcase no programa LEWO (Life Envergreen with Volunteer) da Comisión Europea, co que se facilita que as mozas e mozos galegos se impliquen en accións de voluntariado ambiental en diferentes en zonas da comunidade de gran valor natural.

Cómpre resaltar que, tanto para a actividade en Campo Lameiro (10 prazas) como para a enmarcada no proxecto Lewo (20 prazas), o prazo de inscrición de senllas actuacións abrirase este luns 25 de novembro. As persoas que desexen participar deberán cubrir un formulario de solicitude dispoñible en www.voluntariagogalego.org.

Autobús Engánchate ao voluntariado

Ademais, a partir deste martes un autobús percorrerá desde Ferrol as sete cidades e as principais vilas galegas achegando información sobre os programas que desenvolve o Goberno galego nesta materia. Baixo o lema Engánchate ao voluntariado, este autobús tamén achegará material vinculado a esta campaña para favorecer a captación de máis persoas voluntarias. 

Comentarios
Lo más