Preto dun milleiro de persoas participan na andaina ‘Camiño ao respecto’
Os participantes, entre os que tamén se atopaban membros de colectivos sociais, clubes deportivos e deportistas de elite, percorreron a distancia entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro
Este domingo celebrouse en Compostela a sétima edición da Andaina Camiño ao respecto na que participaron preto dun milleiro de persoas. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; a conselleira de Educación, Universidade e Formación, Carmen Pomar; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, percorreron tamén a distancia entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro para mostrar o rexeitamento a calquera tipo de violencia contra as mulleres.
Na andaina participaron outros representantes do Goberno galego como a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro ou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
Esta edición contou ademais coa presenza de membros de distintos colectivos sociais, asociacións profesionais e clubes deportivos. Do ámbito do deporte, tamén asistiron 16 deportistas de elite. Trátase dos judokas Nikoloz Shreazadishvili, Alberto Gaiteiro e Estrella López; o triatleta Antonio Serrat; os piragüistas Pedro Vázquez, Adrián Sieiro, Sergio Vallejo, Roi Rodríguez, Rubén Millán e Albert Martí; a atleta de salto de altura Saleta Fernández; o surfista Gonzalo Zubizarreta; Jacobo Garrido, que compite en natación paralímpica; María Victoria Alonso, xogadora de baloncesto en cadeira de rodas; a nadadora Beatriz Gómez e Gustavo Nieves, atleta paralímpico que compite en maratón.
A andaina inscríbese na campaña posta en marcha pola Xunta con motivo da celebración este luns, 25 de novembro, do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, baixo o lema “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON”.