Fracasa o segundo intento para desencallar o quimiqueiro 'Blue Star' da costa de Ares
Á segunda tampouco foi a vencida. O buque 'Blue Star', con bandeira de Malta e de 128 metros de eslora, continúa encallado na costa do municipio de Ares, nas proximidades de Punta Miranda, despois de que as estachas que unían o quimiqueiro co remolcador 'Don Inda', de Salvamento Marítimo, rompesen cando este último comezou a tirar.
Ante este contratempo, o outro remolcador que tiña amarre á frota embarrancada, o 'Ibaizabal Nueve', abortou a manobra. A operación realizouse minutos antes das 02,00 horas da madrugada deste domingo, 24 de novembro, coa coordinación da torre de control de tráfico marítimo situada no dique de abrigo da Coruña.
Previamente, Salvamento Marítimo desprazara dous mergulladores de Fene para as operacións de reflote, que foron trasladados ata a zona polo helicóptero Helimer 401.
ROBOT SUBMARINO
Tras este segundo intento, Salvamento Marítimo decidiu que os remolcadores 'Don Inda' e 'Ibaizabal Nueve' estivesen de novo no lugar ás 09,00 horas deste domingo. A idea era preparar o operativo de reflote para a pleamar das 14,23 horas, momento elixido para realizar un terceiro intento de arrastre.
Na operación tamén participaron o helicóptero 'Helimer 401' e 'Salvamar Betelgeuse', así como os dous trens de remolque desprazados.
Os responsables de Salvamento Marítimo, dependente do Ministerio de Fomento, estudan agora trasladar á zona un robot submarino, que existe na base situada no polígono industrial de Vilar do Colo, en Fene.
Este dispositivo sería utilizado para ver se hai danos na embarcación e para determinar como é o fondo mariño sobre o que está asentado o barco.
O REMOLCADOR MÁIS POTENTE DE ESPAÑA
Nestes traballos está a participar o remolcador máis potente que hai en España, o 'Don Inda', co seu xemelgo 'Clara Campoamor'.
A raíz do desastre do 'Prestige' foi construído para situalo preto do dispositivo de separación do tráfico de Finisterre e para cubrir calquera emerxencia marítima en Galicia.
Ten a súa base en Brens, en Cee, e o seu nome honra a Indalecio Prieto, coñecido como Don Inda, que foi ministro de varias carteiras durante a II República.