O valor das redes sociais para difundir cultura no #Culturalike
No encontro participan dous destacados divulgadores culturais en liña como son Jaime Altozano –con máis de dous millóns de seguidores nas súas redes sociais– e o galego Miguel Ángel Cajigal, máis coñecido como El Barroquista –con máis de 40.000 só na canle de Twitter– para dar a coñecer as chaves do seu éxito na creación de contidos culturais de impacto en Internet.
Anxo M. Lorenzo animou aos asistentes a tirar proveito da experiencia e dos consellos destes dous divulgadores de éxito para crear contidos culturais en liña “non só de impacto nas redes sociais, senón sobre todo de calidade”. Neste senso, salientou o papel de “aliadas e cómplices” que teñen as redes sociais para “reforzar e democratizar” o acceso da cultura, “diluíndo os límites que impoñían ata agora os espazos físicos tradicionais”. Precisamente, un dos obxectivos deste encontro é demostrar como estas ferramentas son un importante instrumento para difundir a arte fóra dos espazos museísticos, rachando coas canles de acceso convencionais e permitindo espallar, e democratizar sen lindes territoriais ou académicos contidos e coñecementos culturais.