jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Preto de duascentas persoas participarán este domingo na V Andaina contra a violencia de xénero

Preto de duascentas persoas participarán este domingo na V Andaina contra a violencia de xénero
Preto de duascentas persoas participarán este domingo na V Andaina contra a violencia de xénero

Preto de duascentas persoas tomarán parte este domingo 24 de novembro na quinta edición da Andaina contra a violencia de xénero que organiza o Concello de Lousame. Unha iniciativa que comezou como unha actividade dirixida ao alumnado do CPI Cernadas de Castro e que despois se abriu á participación de toda a veciñanza.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, amosa a súa satisfacción polo gran número de inscritos xa que “temos anotadas case duascentas persoas non só de Lousame, senón tamén de concellos das comarcas do Barbanza, Santiago e Ordes. Agora só queda confiar en que o tempo acompañe para que todos poidamos amosar o noso rexeitamento á violencia machista, o noso apoio ás vítimas e, ao mesmo tempo, desfrutar dun agradable paseo coñecendo a natureza e o patrimonio lousamiá”.

A ruta será circular, con saída e meta no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva), onde as persoas participantes poderán recoller dende as 10:30 horas uns chalecos reflectantes con lendas en contra da violencia de xénero. A expedición sairá ás 11:00 horas, encabezada pola concelleira de Igualdade, para percorrer 9 quilómetros por Pastoriza, O Castro, río Vilacoba, papeleiras de Fontán e Brandía, Portobravo e de volta no polideportivo, onde haberá unha degustación gratuíta de chocolate e rosca, así como entrega dun agasallo conmemorativo.

O Concello de Lousame recomenda ir con traxe de abrigo e botas para participar na camiñata pois, se ben se agarda que a choiva respecte o horario da camiñata, gran parte do percorrido estará húmido debido á auga caída nos últimos días. Esta V Andaina contra a violencia de xénero está organizada polas Concellerías de Igualdade e de Deportes do Concello de Lousame e está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade.

Luns 25 de novembro

Finalmente, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o propio luns 25 de novembro o Concello de Lousame ten programadas dúas actividades: unha dirixida ao alumnado da ESO do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro e unha concentración en contra da violencia de xénero diante da Casa Consistorial.

As actividades darán comezo ás 12:10 horas no aula de usos múltiples do colexio lousamiá, onde terá lugar a presentación do acto por parte da directora do centro, Pilar Cobas, e a lectura do Manifesto contra a violencia de xénero por parte de Silvia Agrafojo, concelleira de Igualdade. Ás 12:20 terá lugar a proxección do vídeo “Engánchate ao bo trato”, sobre o traballo realizado polo alumnado nos obradoiros do “Programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero”, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade e do Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade.

Tras os 20 minutos que dura o vídeo, tomará a palabra a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen acompañará ás 12:45 horas ao alumnado na creación do “Xardín da lembranza”, emprazado no corredor central do colexio. Aló, os nenos e nenas de Lousame plantarán flores co nome das vítimas da violencia machista deste ano xunto a palabras nas que expresarán os seus sentimentos diante desta realidade.

Finalmente, ás 13:30 horas terá lugar unha concentración de repulsa contra a violencia machista diante da casa consistorial de Lousame, á que está convidada toda a veciñanza do municipio.

Comentarios
Lo más