"O Feminicidio a debate" nos Luns do Ateneo
Carme Adán, catedrática de filosofía, impartirá a conferencia no día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, este luns 25 de novembro, na rúa do Vilar, 19
Este luns 25 de novembro, o Ateneo de Santiago organiza, dentro do seu ciclo Os luns do Ateneo, unha conferencia que impartirá a catedrática de Filosofía do IES Politécnico de Vigo, Carme Adán. A conferencia terá lugar ás 20.00 horas na rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela.
Na conferencia, titulada «O Feminicidio a debate: por que agora?», organizada pola sección Sociedade Civil, impartirase para conmemorar o día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A violencia a mulleres e nenas é unha das violacións de dereitos humanos máis estendida, persistente e devastadora do mundo contemporáneo. Ademais, apenas se informa sobre este tipo de violencias debido á impunidade que sofren os perpetradores e o silencio, estigmatización e vergoña das vítimas. Por ese motivo, este día convócase anualmente cada 25 de novembro dende o ano 1981 en recordo do asasinato das irmás Mirabal na República Dominicana.
A conferenciante, Carme Adán Villamarín é unha filósofa, ensaísta e política galega, catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo. Foi tamén deputada polo BNG no Parlamento de Galicia e de 2005 a 2009 foi Secretaria Xeral de Igualdade. Entre as súas publicacións destacan os ensaios Feminismo e coñecemento. Da experiencia das mulleres ao ciborg (2003) e Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de sumisión (2018).