jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

O BNG reclama que se activen os Consellos de Participación Cidadá

O BNG reclama que se activen os Consellos de Participación Cidadá
O BNG reclama que se activen os Consellos de Participación Cidadá

O BNG traslada unha moción ao vindeiro Pleno para que se activen antes de final de ano, ante os problemas de Educación e Sanidade 

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que active, antes de final de ano, os Consellos de Participación Cidadá, a comezar polos de Educación e de Saúde, para implicar a veciñanza e colectivos nas decisións con criterios de actuación nos ámbitos de referencia para Santiago de Compostela.

“Ante os problemas xurdidos nos últimos meses, foron diversos colectivos os que reclamaron, logo do cambio de Corporación, a constitución e convocatoria urxente dos Consellos de Educación e de Saúde, algo que desde o Goberno local se dixo que se ía facer, ademais do compromiso expresado de crear o Consello do Rural”, explicou Goretti Sanmartín.

O Concello de Santiago de Compostela foi punteiro en políticas de participación cidadá coa creación do Regulamento de Participación Cidadá, do Consello Económico e Social e do Consello de Relacións Veciñais. 

Foi no período 1999 e 2003 cando se impulsou, baixo responsabilidade do BNG nesta área, a creación de seis consellos de participación (Muller, Mocidade, Medio Ambiente, Normalización Lingüística, Educación e Saúde). No mandato 2003-2008 incorporáronse seis máis (Servizos Sociais, Deportes, Migracións, Compostela Cultura, Centros Socioculturais e Maiores). No período 2015-2019 puxéronse en funcionamento o Consello de Relacións Veciñais, o Consello de Saúde e o de Medio Ambiente e a maiores creouse un novo, o de Cooperación e Solidariedade, e mantiveron a Mesa do Comercio e o de Turismo. No primeiro semestre deste mandato 2019-2023 aínda non se convocou ningún deles.

Deste xeito, coa posta en marcha dos consellos de participación que se configuran como órganos permanentes de asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate, contribúese a facilitar o seguimento da actividade sectorial de cada ámbito municipal, sinalou.

Estes consellos serven tamén de canle de participación e diálogo de interlocutores sociais no desenvolvemento das políticas para procurar acordos e propoñerlles aos órganos municipais competentes criterios de actuación. Así, teñen capacidade para emitir informes, por iniciativa propia ou do Concello, sobre materias das súa competencia; ademais de formular propostas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos e organismos públicos municipais correspondentes, entre outras funcións.

Comentarios
Lo más