miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Condenan a tres anos a un funcionario que cobrou por tramitar permisos de residencia

Condenan a tres anos a un funcionario que cobrou por tramitar permisos de residencia
Condenan a tres anos a un funcionario que cobrou por tramitar permisos de residencia

O Tribunal do Xurado considerou acreditado que en 2016 recibiu pagos pola tramitación de permisos de residencia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou o recurso de apelación interposto polo funcionario da Subdelegación do Goberno de Pontevedra condenado pola Audiencia Provincial, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a tres anos de cárcere como autor dun delito continuado de suborno. O Tribunal do Xurado considerou acreditado que en 2016 recibiu pagos pola tramitación de permisos de residencia. Ademais dos tres anos de prisión foi sentenciado ao pago dunha multa de 5.400 euros e a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público.

O alto tribunal galego lembra na resolución que o Tribunal do Xurado declarou como probado “que o acusado, na súa condición de funcionario, iniciou, tramitou e finalizou tres expedientes de petición de autorización de residencia de longa duración, de residencia temporal e de residencia de familiar comunitario, respectivamente, e que, sen dereito a recibir retribución de ningún tipo por parte das persoas solicitantes, lles pediu distintas cantidades de cartos, entregándollas en dúas desas ocasións”.

A Sala do Civil e Penal salienta que o “esforzo argumental” do recorrente se limita a “discrepar –sen máis­ da valoración probatoria do Xurado, substituíndoa pola propia”. Así, o tribunal lembra que debe “rexeitar de cheo os motivos de apelación nos que a posta en cuestión da valoración probatoria do Xurado se efectúa á marxe da denuncia de existencia de erro derivado de documento ningún ou dunha pericial documentada”, á vez que recalca que carece de competencia, do mesmo xeito que o Tribunal Supremo, “para valorar a proba persoal practicada; valoración que corresponde de maneira exclusiva e excluínte ao tribunal contra cuxa resolución se interpón un recurso, con raíz e razón de ser no principio de inmediación”. 

Comentarios
Lo más