jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Expertos en infeccións e vacinas teñen cita en Santiago

Expertos en infeccións e vacinas teñen cita en Santiago
Expertos en infeccións e vacinas teñen cita en Santiago

Federico Martinón, xefe de servizo de Pediatría, coordina as xornadas onde se presentarán os últimos datos sobre investigación en vacinas e enfermidades infecciosas 

Expertos mundiais en infeccións e vacinas  (máis de 500) danse cita, un ano máis, na X Edición do Taller Interactivo de Infectoloxía Pediátrica (TiPICO) que se celebra en Compostela e que organiza o Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

As xornadas coordinadas polo doutor Federico Martinón celebraranse na Facultade de Medicina da USC  os próximos días 21 e 22 de Novembro, e nelas debateranse os últimos avances no campo das infeccións e as vacinas, e  participarán diversos relatores internacionais de recoñecido prestixio que presentarán os últimos resultados dos seus traballos.

Un dos exemplos é a “Conferencia Transgresora Especial”, que terá lugar hoxe ao mediodía, e correrá a cargo da Doutora Denise Faustman directora do Laboratorio de Inmunoloxía do Hospital de Massachusetts, da  Universidade de Harvard, experta no estudo das enfermidades autoinmunes e das células T reactivas. A doutora Faustman compartirá os últimos resultados do ensaio clínico que coordina e das últimas  investigacións sobre como a vacina fronte á tuberculose (BCG) pode axudar a reverter a diabetes tipo 1. 

A BCG, con máis de 100 anos,  presenta una potencial terapéutico fronte a este tipo de diabetes. A diabetes é unha enfermidade autoinmune metabólica caracterizada pola incapacidade do organismo para producir insulina, e que lle afecta ao preto do 8% dos adultos. Está considerada unha das epidemias do noso século e a súa incidencia aumenta cada ano.

A investigación do grupo da doutora Faustman, demostra que entre os  beneficios expandidos da vacina BCG está a revertemento da diabete mellitus tipo 1. Os efectos non son inmediatos,  tardan en aparecer, e duran cinco años.

Prodúcese unha reprogramación epixenética, cambia a metilación e o metabolismo das células,  de xeito que no caso da diabetes o que fai é que as células dos pacientes diabéticos se reprograman para metabolizar mellor o  azucre, co que diminúen as necesidades de insulina e normaliza a situación do diabético.

Xa onte,  a doutora Faustman impartiu unha charla no Hospital Clínico de Santiago para expoñer estes avances.

Amais desta conferencia, o  profesor Louis Bont, pediatra da Universidade de Utrecht, presentará os últimos resultados na loita fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) principal causante de enfermidade respiratoria en nenos e falaranos da situación da esperada vacina fronte a este patóxeno actualmente en desenvolvemento. 

O profesor Ron Dagan da Universidade de Ben- Gurion (Israel), considerado o maior experto mundial en neumococo, falará das novas vacinas  conxugadas, chamadas a ampliar a protección fronte á enfermidade neumocócica. 

O doutor Daniel Payne, epidemiólogo do Centro de Control de Enfermidades (CDC) de EEUU, exporá os últimos avances no control da enfermidade por rotavirus, principal patóxeno causante de gastroenterite en nenos, e presentaranos os últimos datos sobre os beneficios inesperados da vacina fronte a rotavirus na protección fronte ás enfermidades autoinmunitarias. 

A doutora Laia Bruni, epidemióloga do Instituto Catalán de Oncoloxía ( ICO), presentará os últimos resultados da implementación do programa de vacinación fronte ao virus do papiloma humano (VPH) a nivel mundial. 

O profesor Adolfo García-sastre do Hospital Mount Sinaí de Nova York e un dos principais expertos mundiais en gripe presentará os últimos avances na loita fronte a este virus e a situación da tan esperada vacina universal.

O profesor Andrew Pollard, pediatra e investigador da Universidade de Oxford, falará dos últimos datos sobre a loita contra a enfermidade meningocócica e sobre febre tifoidea, enfermidade bacteriana intestinal causa de alta mortalidade en países en desenvolvemento, e a súa prevención mediante a vacinación.

Brad Gessner, profesor epidemiólogo da Universidade de Alaska Anchorage, falará do papel das axencias reguladoras en saúde pública na vacinación. 

Robb Butler, responsable do programa de Vacinas e Enfermidades inmunoprevenibles da Organización Mundial da Saúde (OMS) nunha conferencia especial abordará o controvertido asunto do rexeitamento á vacinación, identificado pola OMS como unha das dez principais de saúde mundial.

O profesor Albert Osterhaus, virólogo da Universidade Erasmus de Róterdan, e descubridor do famoso virus SARS causante da gripe aviaria, compartirá os últimos avances nos métodos de detección e identificación virais nas enfermidades infecciosas. 

A doutora Myrsini Kaforou, da prestixiosa Universidade Imperial College en Londres, experta en bioinformática falará de como a lectura do xenoma do individuo pode axudar a descifrar as enfermidades infecciosas e inflamatorias.

Francisco Álvarez, pediatra coordinador do comité asesor de vacinas da asociación española de pediatría ( CAV- AEP) e o doutor Francisco Giménez pediatra director do Instituto Balmis de Vacinas (Almería) participarán nun interesante debate acerca da obrigatoriedade da vacinación en España. 

O doutor Mel Kohn, epidemiólogo da Universidade de Yale e ata hai pouco director de Saúde Publica no estado de Oregón (EEUU) falará de prevención da pneumonía en adultos a través da vacinación e actualizará datos sobre as últimas vacinas fronte ao neumococo actualmente en desenvolvemento. 

Xabi Belo, bioinformático pertencente ao grupo de investigación en vacinas GENVIP, exporá como a intelixencia artificial pode axudarnos ao desenvolvemento de novas vacinas. 

Comentarios
Lo más