Iria Flavia reunirá dende hoxe o III Encontro de Escritores da Fundación Camilo José Cela
Máis de 20 anos despois do seu primeiro encontro, analizarán as súas carreiras profesionais, as súas expectativas e o seu futuro
A Xunta de Galicia, a través da Fundación Camilo José Cela, celebra desde hoxe o III Encontro de Escritores de Iria Flavia, coordinado pola escritora e crítica literaria Care Santos. Trátase dunha cita na que autores, literatura e vangarda uniranse no marco do 30 aniversario da concesión do Premio Nobel ao escritor galego.
As instalacións da Fundación acollerán diversas mesas redondas, moderadas polo catedrático de Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo Vázquez, e polos xornalistas Ernesto Sánchez Pombo, Laura Revuelta, Sergio Vila-SanJuán e Blanca Berasátegui, e nas que participarán unha vintena de escritores como Antonio Álamo, Ledicia Costas, Xosé Carlos Carneiro, Estíbaliz Espinosa, Carlos Castán ou Lucía Etxebarría, entre outros.
Esta cita deu os seus primeiros pasos en xullo de 1998, coincidindo co centenario dunha das máis famosas xeracións de escritores da literatura española, coa reunión de 26 autores novos baixo o auspicio do propio Camilo José Cela, na que debatiron sobre as súas preocupacións e do seu futuro como escritores. Dez anos despois, en 2008, a Fundación reuniu aos mesmos autores para coñecer a súa evolución profesional e a do sector e este ano, por terceira vez, volven reunirse para facer un repaso das súas carreiras, as súas expectativas e as súas perspectivas ante un mercado editorial cada vez máis heteroxéneo e cambiante.
30 ANIVERSARIO DO PREMIO NOBEL
A Xunta de Galicia conmemora ao longo deste último trimestre do ano o 30 aniversario da concesión do premio Nobel a Camilo José Cela cunha programación, a través da Fundación Pública que custodia o seu legado en Iria Flavia, centrada nos máis pequenos, na actividade literaria e na lembranza do que supuxo e aínda supón que un galego recibira tan magno galardón.
Neste sentido, de novembro a febreiro ten lugar un venres pola tarde de cada mes, e coa colaboración de Javier Pintor, as xornadas Tardes de Libros nos #30AnosNobelCela no que se presentarán no paraninfo do Museo catro novas editoriais en galego e en castelán coa participación de cada un dos seus autores.
O 10 de decembro, ademais do acto institucional en homenaxe ao escritor, terán lugar en Iria Flavia a presentación da nova páxina web da Fundación e o Acto homenaxe do pobo de Padrón en lembranza de como toda unha vila acompañou ao único Nobel galego e que pretende rememorar, dun xeito emotivo, a aqueles padroneses que acompañaron ao escritor a Estocolmo e a cantos viviron ese momento de gran alegría desde a propia vila de Padrón.
A mediados de decembro, finalmente, terá lugar unha xornada, en colaboración coa Universidade Camilo José Cela, de conmemoración dos 50 anos da publicación dunha das novelas que os expertos están a incluír entre as máis importantes do escritor, San Camilo 1936, e que contará coa presenza de, Adolfo Sotelo Vázquez, catedrático de Literatura Española da Universidade de Barcelona, e Dolores Troncoso Durán, Catedrática de Literatura Española da Universidade de Vigo.