O Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón abre con preto de cen espectadores
As sesións de artes escénicas continuarán este sábado 23 de novembro
Preto de cen persoas acudiron o domingo á Casa da Cultura de Camporrapado para asistiren á inauguración do Ciclo de Teatro de Outono do Concello de Boqueixón. O Grupo de Teatro Licor Café foi o encargado de levantar o pano coa representación da obra Rosenda, unha criada indecente. Unha obra que contou coa colaboración do Club de Maiores.
As sesións de artes escénicas continuarán este sábado 23 de novembro. A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá ás 19.00 horas a representación de Pode ser calquera..., que porá en escena o Grupo de Teatro Charamela. Esta peza está dirixida a todos os públicos.
Dende o Concello de Boqueixón animan a toda a veciñanza a asistiren ás distintas actuacións previstas para este mes e ata mediados do vindeiro de decembro. O acceso é libre e gratuíto para todas as sesións.