Unha muller queda atrapada nun turismo logo de bater con outro en Cabanas
No mesmo accidente resultou ferido o outro condutor implicado, que foi evacuado ao centro hospitalario de referencia
Os bombeiros liberaron esta mañá a unha muller que quedou atrapada no seu turismo logo de bater con outro en Cabanas.
Como consecuencia do impacto, ambos os dous condutores sufriron lesións de diversa consideración e foron evacuados ao hospital de referencia.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro sucedeu esta mañá, preto das oito, na N-651, ao paso pola parroquia de Laraxe. Alí acudiron os Bombeiros do Eume, xa que unha das condutoras implicadas no accidente quedou atrapada no seu vehículo despois de producirse o impacto. Deste xeito, en canto puido ser liberada polo equipo de salvamento, a muller foi atendida polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que tiña a disposición os medios necesarios para o seu traslado.
No mesmo accidente resultou ferido o outro condutor implicado, que foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.
Ademais, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía, os axentes da Garda Civil de Tráfico solicitaron a intervención dos equipos de limpeza e mantemento, neste caso dependentes do Ministerio de Fomento, para retirar os danos provocados polo golpe.