“A unidade das artes” nos Luns do Ateneo
O Ateneo de Santiago organiza, dentro do seu ciclo Os luns do Ateneo, unha conferencia que impartirá Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, ademais de profesor na Facultade de Humanidades de Lugo. A conferencia terá lugar ás 20.00 horas na rúa do Vilar, 19, no casco histórico de Compostela.
Na conferencia, organizada pola Sección Arte, Educación e Cultura e titulada “Valente e a unidade das artes”, Rodríguez Fer destacará a obra de José Ángel Valente, doutor Honoris Causa pola Universidade compostelá, ademais de amigo persoal seu. Valente manifesta a través da súa obra, exposta durante estes días no Pazo de Fonseca, a súa interdisciplinariedade e interculturalidade presentes na mesma e herdadas dos movementos vangardistas do século XX e do impresionismo pictórico do XXI. Ademais a poesía e, en maior medida, a obra ensaística de Valente reflicten una grande atención polas artes plásticas.
Claudio Rodríguez Fer é poeta, narrador e ensaísta. Estudou filoloxía en Compostela e na actualidade é catedrático en Lugo. É considerado pioneiro da poesía erótica galega dende que en 1979 publicou o seu primeiro libro, Poemas de amor sen morte e en 1981 obtivo o Premio Nacional da Crítica coa súa obra Tigres de ternura. En 1999 apadriñou a José Ángel Valente na súa investidura como doutor Honoris Causa na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente, ademais de impartir clases en Lugo dirixe tamén a Cátedra da USC de Poesía e Estética, en honra a José Ángel Valente.