miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Paraninfo da USC acolleu o acto central do 175 aniversario do Colexio de Avogados de Santiago

O Paraninfo da USC acolleu o acto central do 175 aniversario do Colexio de Avogados de Santiago
O Paraninfo da USC acolleu o acto central do 175 aniversario do Colexio de Avogados de Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o arzobispo, Julián Barrio, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiron a celebración

Máis de 250 persoas asistiron esta tarde no Paraninfo da Facultade de Historia ao acto central do 175 aniversario do Colexio de Avogados de Santiago.

Asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o arzobispo, Julián Barrio, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ademais de numerosas autoridades locais e autonómicas dos ámbitos xurídico, político e civil. 

O acto comezou cunha benvida por parte do decano do colexio, Francisco Rabuñal, que lembrou “os 20 avogados que o 16 de novembro de 1844 fundaron o colexio, polos 1.500 letrados e letradas que hoxe en día están colexiadas”.

“Xa nas actas fundacionais de 1844 se falaba da necesidade de traballar desde o colexio para que Compostela tivera un maior peso institucional e xudicial; seguiremos con ese compromiso, a avogacía estará sempre onde sexa necesario para os intereses da capital galega e ao seu servizo”, manifestou Rabuñal, que destacou a labor que realiza a quenda de xustiza gratuíta.

Posteriormente, houbo unha entrega de diplomas aos letrados e letradas con máis de 25 de anos de exercicio profesional e dunha medalla conmemorativa aos antigos deputados e deputadas da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago.

En concreto, recibiron a medalla Jesús Maroño; Cesáreo Pardal; José Vispo; Juan Guillán; Manuel Martín; Ramón Fernández; José Santiago; María Gude; Germán Pérez; Cristina Cajade; Evaristo Nogueira; Ana Villar; Belén Hospido; Noemí Ucha; Pedro Blanco; Gerardo Sánchez-Brunete; Manuel Silva, e Luisa Pasín. Todos e todas elas formaron parte da xunta de goberno da institución colexial.

O acto rematou cun viño de confraternización no propio claustro da Facultade de Historia. Posteriormente, haberá un concerto no pub Retablo, no que participarán dous grupos musicais compostos por avogados.

Comentarios
Lo más