Os Centros Singulares da USC reencóntranse coa cidadanía no programa ‘Ciencia Singular’
A investigación de excelencia desenvolvida en CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE porase un ano máis ao servizo da divulgación ante familias e visitantes de tódalas idades este sábado 16 de novembro, entre as dez da mañá e as oito da tarde
A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago (RCSI-USC) celebrará este sábado 16 unha nova edición de ‘Ciencia Singular’, a xornada de portas abertas dirixida á súa contorna social máis próxima. Un encontro concibido como o maior evento anual de divulgación promovido ata o de agora polos equipos de investigación de CiQUS, CiMUS e CiTIUS, e no que por primeira vez en 2019 estará tamén presente o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).
O reitor Antonio López; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participarán no inicio do percorrido a partir das 10.00 horas no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Con ‘Ciencia Singular’, a USC trata de achegar á sociedade a investigación desenvolvida no marco deste ecosistema de coñecemento, ao longo dunha xornada de portas abertas dirixida ao público xeral.
A ESCALA MOLECULAR
A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do CiQUS permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálisis). En só oito anos, o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais.
ENFERMIDADADES CRÓNICAS E MEDICINA MOLECULAR
O CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como cancro, endocrinoloxía, cardiovascular, neurociencias, xenética e bioinformática, nanomedicina ou desenvolvemento de fármacos. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, un Instituto de Investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.
TECNOLOXÍAS INTELIXENTES
Os investigadores do CiTIUS traballan no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que leven a Intelixencia Artificial do plano teórico ao mundo real, permitindo a súa integración na industria e na sociedade dunha forma transparente, robusta e fiable. As aplicacións destas tecnoloxías abarcan múltiples ámbitos que van desde o tecido empresarial ata a seguridade civil, pasando pola saúde, o transporte ou as cidades intelixentes, entre outras.
NA ÉLITE DA FÍSICA
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) é un centro acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu, cuxas áreas de investigación tentan dar resposta a moitas das preguntas esenciais da natureza física: o estudo da realidade microscópica a nivel fundamental (Modelo Estándar), a conexión entre física de partículas e cosmoloxía, e a estrutura nuclear e as aplicacións médicas. Dende a súa fundación, o IGFAE leva no seu ADN a colaboración internacional con grandes infraestruturas internacionais de prestixio, como o Gran Colisor de Hadróns do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).