Cabreo entre os pais de Ames polo cobro dos servizos complementarios
Enfado entre a comunidade de pais do concello de Ames ante o aviso do mesmo do cobro dos servizos complementarios municipais
O concello de Ames facía pública hoxe a información sobre o cobro dos recibos dos servizos complementarios de educación. Unha información ante a que a reacción das familias non se fixo esperar.
O incumprimento no dos prazos no envío dos recibos por parte da concellería encargada a cargo de David Santomil, fai que agora moitas familias teñan que asumir nos últimos meses do ano pagos de ata 700 euros.
Así informaba o concello dos pagos a realizar:
Dende o departamento de Educación informáselle ás familias usuarias sobre o cobro dos recibos dos servizos complementarios municipais. O día 21 de novembro cobraranse os recibos da Escola de Verán de 2019 e do Setembro Lúdico de 2019, mentres que o día 25 de novembro cargaranse os recibos dos servizos de Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas do mes de setembro de 2019. Por outra banda, decidiuse que os recibos dos servizos de Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas correspondentes aos meses de outubro e novembro de 2019 cobraranse no vindeiro mes de decembro.
Non é algo novo para as familias de Ames xa que o ano pasado volveron a vivir a mesma situación dunha acumulación nos recibos seguidos. Nese momento, dende a concellería de Educación, falaban dunha regularización, dun proceso para estar ao corrente dos cobros.
Preguntado fai unhas semanas sobre este novo retraso Santomil aclaraba que estaban a elaborar o censo xa que é un proceso laborioso e a burocracia ten os seus tempos. Esperamos que nos vindeiros días e no mes de novembro xa se pasen os correspondentes recibos".