jueves. 26.11.2026 |
El tiempo

Sindo Guinarte, na apertura do Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía

Sindo Guinarte, na apertura do Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía
Sindo Guinarte, na apertura do Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía

O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, Sindo Guinarte, participou na mesa de apertura do Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento, que se celebra ata hoxe na EGAP, a Escola Galega de Administración Pública 

Despois de darlle a benvida aos/ás participantes, Sindo Guinarte destacou os estreitos vínculos de Galicia con Portugal, e, por extensión, coa comunidade lusófona. Tamén incidiu na importancia dos concellos como administración máis próxima: "nun mundo globalizado, son gobernos locais os que mellor responden ás necesidades da cidadanía, e contribúen a erradicar as desigualdades".

O obxectivo das xornadas, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, é achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas, así como reflexionar sobre as contribucións máis relevantes dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU. Nelas participan representantes de países como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde e Santo Tomé e Príncipe.

O discurso inaugural pronunciouno Mariana Cupane, presidenta da Asemblea Municipal de Boane (Mozambique) e representante das Rede de Mulleres Autarcas Mozambicanas. Despois da mesa de apertura, tivo lugar o debate sobre a implementación dos ODS, no que participaron representantes de concellos de distintos países, entre eles Nigrán (Pontevedra), Ribeira Grande de Santiago (Cabo Verde), Xa-Xai (Mozambique) ou Araraquara (Brasil).

Pola tarde debateuse sobre boas prácticas da gobernanza local a prol dos ODS para compartir e cooperar. E mañá, na segunda xornada, daranse a coñecer distintas experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa. O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, e coa declaración "Solidariedade alén da lingua". 

Comentarios
Lo más