Reclaman os estudos de tráfico para colocación dos radares no túnel de Conxo e no Restollal
Os Populares tamén lle requiriron ao Goberno Local que informe sobre as estatísticas de accidentalidade na rede viaria municipal da última década, nas que se concreten os puntos e os resultados de cada un dos sinistros
O Grupo Municipal Popular rexistrou unha pregunta por escrito ao executivo Local na que solicitan unha copia dos estudos de tráficos realizados para decidir a colocación dos radares fixos no túnel de Conxo e na avenida do Restollal.
Os Populares tamén lle requiren ao Goberno de Sánchez Bugallo que informe sobre as estatísticas de accidentalidade na rede viaria municipal da última década, nas que se concreten os puntos e os resultados de cada un dos sinistros.
O Grupo Popular xa manifestou, en numerosas ocasións, que a adopción de medidas para a vixilancia e control do tráfico rodado debe responder a criterios técnicos e de oportunidade, entre os que as estatísticas de accidentalidade ocupan, sen lugar a dúbidas, un lugar destacado.
En relación con iso e para coñecer a adecuación das medidas que se teñen anunciado recentemente, sobre a colocación de radares fixos en distintas zonas da cidade, o Grupo Popular solicita que se lles aporten estes datos.
Cabe lembrar que hai uns meses, o Grupo Municipal Popular preguntou sobre cal foi a participación da empresa que xestiona as multas de tráfico na decisión de instalar o novo radar no túnel de Conxo, cuestión esta que non foi suficientemente aclarada polo Grupo de Goberno.