A Xunta investigará as intoxicación nos centros infatís de Galicia
A partir do día de mañá e de xeito indefinido, todos os produtos (tanto alimentos como enxoval de cociña) deixarán de estar subministrados por provedores centralizados e pasarán a comprarse en establecementos de proximidade de cada escola infanti
Os novos casos de intoxicacións afectaron a entre 15 e 20 garderías da rede de escolas infantís 'A Galiña Azul'. O Goberno galego mantén aberta unha investigación para pescudar se esta problemática garda algunha relación coas reaccións alérxicas leves rexistradas o pasado mes de outubro que padeceron varias decenas de menores nas zonas de Cangas e A Coruña.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vén de obrigar á empresa Freire Chico S.L. a cambiar os provedores de comida de todas as escolas infantís públicas das que xestiona a cociña. Esta medida preventiva implantarase tanto nas escolas infantís nas que houbo algún neno que tivese algunha reacción alérxica leve como nas que non rexistraron ningún destes casos. Isto pode supoñer algunha modificación nos menús que se prevían inicialmente.
A partir do día de mañá e de xeito indefinido, todos os produtos (tanto alimentos como enxoval de cociña) deixarán de estar subministrados por provedores centralizados e pasarán a comprarse en establecementos de proximidade de cada escola infantil. Todos estes novos provedores deberán contar, como é lóxico, con todos os permisos e acreditacións necesarias para garantir a trazabilidade dos produtos.
Paralelamente segue avanzando a investigación que están a levar a cabo os técnicos da Consellería de Sanidade. Estes profesionais están a analizar as mostras da comida que se serviu os días que houbo reaccións alérxicas e levaron a cabo inspeccións na sede da empresa concesionaria.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar transmite tranquilidade ás familias, dada a levedade de todas as reaccións alérxicas que se rexistraron. En calquera caso, os episodios que aconteceron son intolerables e seguiranse tomando todas as medidas que sexan necesarias.