Evacúan a unha muller intoxicada polo lume declarado no interior da súa vivenda
A ferida foi evacuada polos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ata o centro hospitalario de referencia
Unha muller foi trasladada con síntomas de intoxicación por inhalar fume dun lume declarado no interior da súa vivenda.
Todo ocorreu minutos antes das 23:00 horas. Nese momento, unha persoa particular contactou co 112 Galicia para informar que vía saír fume dende a ventá dun dos pisos dun edificio da Rúa Condesa Casa Barcena, en Vigo. Segundo a información facilitada polo alertante, a moradora da vivenda podía atoparse no interior do inmoble e necesitar asistencia sanitaria.
Decontado, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Vigo e tamén dos axentes de Policía Local e Nacional. Unha vez no lugar dos feitos, os servizos de emerxencia confirmaron que a muller estaba dentro do domicilio no momento do suceso e que tratou de agacharse para protexerse da intensa fumareda desprendida por unha tarteira esquecida ao lume.
A ferida foi evacuada polos efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ata o centro hospitalario de referencia.