Os servizos de cardioloxía, oncoloxía e a unidade de enfermidades infecciosas de pediatría do CHUS gañan os Premios Best in Class
O CHUS, os servizos de Farmacia Hospitalaria, Microbioloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía, Reumatoloxía, Nefroloxía e Dixestivo, amais das unidades de Esclerose Múltiple, Farmacia Oncolóxica e Investigación en Oncoloxía quedaron finalistas, entre os 5 primeiros
Co fin de promocionar a calidade asistencial nos hospitais e centros de saúde, concédense cada ano os premios Best in Class (BIC). A calidade asistencial, a innovación e a atención ao doente dos traballadores da área sanitaria de Santiago e Barbanza foi novamente recoñecida nestes prestixiosos premios BIC, promovidos anualmente polo diario de información sanitaria Gaceta Médica e a cátedra de Innovación e xestión sanitaria da Universidad Rey Juan Carlose aos que este ano concorreron máis de 800 servizos de hospitais de toda España.
O Centro de Saúde da Estrada, os servizos hospitalarios de Cardioloxía e Oncoloxía, así como a Unidade de Enfermidades Infecciosas de Pediatría veñen de ser galardoados nas súa categorías como os mellores de España, nunha gala celebrada no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. Asistiron a este acto a xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, a subdirectora de Calidade Asistencial, Humanización e Atención á Cidadanía da área compostelá, Beatriz Pais, o responsable de calidade, Gerardo Atienza, o xefe de servizo de Cardioloxía, J. Ramón González-Juanatey, o xefe de servizo do Centro de Saúde da Estrada, Juan Sánchez, o xefe de Servizo de Oncoloxía Médica, Rafael López, e a responsable da Unidade de Enfermidades Infecciosas Pediátricas, Irene Rivero.
O CHUS, os servizos de Farmacia Hospitalaria, Microbioloxía, Neuroloxía, Pneumoloxía,Reumatoloxía, Nefroloxía e Dixestivo, e así como as unidades de Esclerose Múltiple (do Servizo de Neuroloxía) e de Farmacia Oncolóxica (do Servizo de Farmacia), e a investigación en Oncoloxía, quedaron finalistas, é dicir entre os 5 primeiros de España.
Estes premios teñen como obxectivo recoñecer publicamente aos mellores centros de atención primaria e hospitalaria de España, así como aos mellores servizos e unidades do territorio nacional, tanto públicos como privados, que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes.
A concesión dos premios baséase na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP), que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cumprimentados polos hospitais e centros de atención primaria.
A Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos e as distintas sociedades científicas colaboran dando rigor e independencia ao sistema de avaliación da calidade asistencial.
- A organización dos Premios BiC só fai públicos os ganadores e finalistas en cada categoría. Os ganadores reciben un diploma acreditativo nun acto público e a prestación dun servizo que lles sirva de ferramenta de mellora continua. Ademais, os ganadores e finalistas forman parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que se edita anualmente.