Absolven a unha aspirante ás listas do Senado acusada de tentar prexudicar a outro candidato
O tribunal considera probado que a sospeitosa contactou co funcionario para que comprobase “se era certo que a Policía Local de Ourense detivera ao denunciante facía uns anos
A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense absolveu unha aspirante a formar parte dunha candidatura ao Senado acusada de contactar cun policía nacional, tamén acusado, para que consultase os antecedentes policiais dun compañeiro de partido que sopesaba a posibilidade de presentar a súa candidatura á mesma lista que ela nas eleccións xerais de 2016.
O tribunal considera probado que a sospeitosa contactou co funcionario para que comprobase “se era certo que a Policía Local de Ourense detivera ao denunciante facía uns anos”.
Ao día seguinte, o imputado “sen estar autorizado para iso nin atoparse no curso de ningunha investigación”, accedeu á base de datos de denuncias policiais, en concreto “ao único atestado da Policía Local no que aparecía como expedientado o denunciando por uns feitos de 2008”.
“Non quedou acreditado que os acusados mantivesen conversacións telefónicas posteriores nin que o policía, tras a consulta realizada, realizase outras posteriores nin que quitase copia do atestado da indicada base de datos”, explican os maxistrados, os cales salientan que, aínda que o acusado “accedeu á marxe das vías legais á base de datos, iso non colma as esixencias da tipicidade e antixuridicidade material”.
A absolución do acusado, polo tanto, conleva a da acusada en concepto de indutora, destaca o tribunal, que indica que a imputada “se limitou a dicirlle ao policía se podía comprobar se era certa a información que ela tiña do seu compañeiro de partido”.