A Xunta investirá 82 millóns de euros no 2020 para o Xacobeo 2020
Anunciou un novo investimento de case 800.000 euros para rematar os proxectos en marcha na Catedral de Santiago, dos que só restan por licitar un 10%
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, compareceu onte no Parlamento acompañado do seu equipo para expoñer as contas e liñas de actuación do seu departamento en 2020, un ano decisivo na preparación do Xacobeo 21, obxectivo no que a Xunta investirá 82 millóns de euros. Dáse así un impulso decisivo á planificación do Ano Santo, que se está a levar a cabo con máis antelación que nunca para permitir que se faga sentir en toda Galicia.
Román Rodríguez sinalou que Cultura e Turismo disporá dun orzamento de máis de 157 millóns de euros, o que supón un crecemento de case o 9%, converténdose na consellería con maior crecemento porcentual. “Esta subida fala do compromiso da Xunta coa cultura e o turismo do país, parte fundamental do noso presente e do noso futuro, en liña co enorme reto ao que nos enfrontamos: o Xacobeo 21”, subliñou.
“Son uns orzamento coherentes”, resumiu o conselleiro. “Coherentes -afirmou- co traballo que levamos feito desde a creación hai apenas un ano desta consellería. E coherentes cos nosos sectores e industrias culturais e co noso traballo para consolidar un modelo turístico propio”. Nesta liña, enmarcou a aposta do Goberno galego “por poñer en valor, en todo o mundo, o Camiño de Santiago, e con el a Galicia enteira, dando forma a un Xacobeo extraordinario que defina a Galicia da próxima década”.
ALBERGUES, RESTAURACIÓN E SINALIZACIÓN
O titular de Cultura e Turismo da Xunta detallou os orzamentos das distintas áreas da conselleira, pero antes resumiu as contas do Executivo autonómico para o Ano Santo, que cumpren co establecido no Plan Estratéxico do Xacobeo 21 presentado o pasado verán baixo tres principios: sustentabilidade, participación e descentralización.
Así, dos 82 millóns previstos para o próximo exercicio, 62 proceden de Cultura e Turismo e os 20 restantes distribúense entre distintas consellerías, enriquecéndose ademais coas achegas da sociedade civil a través do programa de patrocinios e á espera dun plan, ben definido e calendarizado, por parte do Goberno central.
“É un orzamento que non se destinará unicamente a actuacións en Santiago de Compostela nin só aos concellos polos que pasa o Camiño -declarou o conselleiro-, senón que se estenderá a todas as cidades e pobos da nosa Comunidade”.
Entre os principais plans, enumerou o Plan de Mantemento dos Camiños, con 3,7M€; o Plan de Embelecemento, con 1,2M€; o Plan de Albergues, que ascende a 8M€; o Plan de Sinalización, que en 2020 se corresponde co Camiño de Inverno, con 3M€; o Plan de BICS, con 4M€, ou a finalización do proxecto do Monte do Gozo, entre outros.
10 MILLÓNS PARA PROGRAMACIÓN
Román Rodríguez adiantou que a Xunta está traballando no deseño da programación do Xacobeo 21, que contará con 10 millóns de euros en 2020 e será presentada a finais de ano e que chegará a toda a Comunidade. Así mesmo, puxo en valor o éxito da primeira edición de O teu Xacobeo, o programa autonómico de 4,7M€ “co que todos os galegos están definindo un Xacobeo á súa medida” e que terá unha segunda edición.
Referiuse, igualmente, ás actividades de promoción, cun valor de 4 millóns de euros; ou a proxectos novidosos como a produción audiovisual 3 Camiños. Medidas todas que, como apuntou, “reverten directamente na mellora da competitividade e na modernización do noso tecido turístico e cultural” e xeran sinerxías entre ambos.
Analizadas as partidas dedicadas ao Xacobeo 21, o conselleiro fixo unha valoración global dos orzamentos do seu departamento, nos que medran todos os capítulos. A este respecto, reflexionou sobre a capacidade investidora da Consellería de Cultura e Turismo, “cuxo maior esforzo orzamentario vai ao tecido produtivo, xerando oportunidades e riqueza directamente no peto dos galegos e das galegas”.
RESTAURACIÓN NA CATEDRAL
O conselleiro detívose especialmente no estado das obras de restauración da Catedral de Santiago, que encaran a recta final ante a inminencia do Xacobeo 21. Román Rodríguez anunciou que a Xunta investirá case 800.000 euros, necesarios para rematar proxectos en marcha e garantir así que as obras estean finalizadas o próximo ano. Na súa comparecencia, fixo balance do estado dos traballos, froito do investimento de 17M€ comprometidos en 2014 polo Goberno de Mariano Rajoy. En concreto, o 80% está xa rematado ou en execución e o 10% restante está en proceso de licitación.
CULMINACIÓN DA CIDADE DA CULTURA
O conselleiro pechou a súa intervención coa Cidade da Cultura, que se está convertendo “nunha infraestrutura cultural de primeira orde, humanizada e integrada na sociedade e perfectamente comunicada”. Tras lembrar que traballan xa nela 700 persoas e reúnen nos seus eventos a 170.000 persoas cada ano, celebrou que este proxecto rematará en 2020 coa culminación do Edificio Fontán, con 5,7M€ de investimento e a achega de 2,4 de fondos do Estado a través do CSIC. Entre outras dotacións, acollerá o CEIPAC, un centro de investigación referencial en España no estudo da paisaxe e dos itinerarios culturais, que se converterá nun observatorio permanente do Camiño de Santiago.