Xornada final do programa TechKids na Cidade da Cultura
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebraron este domingo a xornada final do programa “TechKids”, talleres sobre programación, robótica, drons e animación 3D celebrados durante o verán nas Aulas CeMIT de Galicia.
A actividade, que tivo lugar durante a mañá no Edificio do Centro de Innovación Cultural (Cinc) da Cidade da Cultura de Galicia en Santiago, contou coa participación dun centenar de rapaces e rapazas de 10 a 17 anos nunha xincana tecnolóxica con seis obradoiros diferentes sobre escape room de contido matemático, pilotaxe de drons ou xogos de programación interactivos e de realidade virtual. Esta iniciativa está enmarcada no Programa de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, e destinada a estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, así como fomentar o atractivo vocacional de profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.
Ademais, celebráronse dúas conferencias sobre o mundo dos videoxogos e a animación co director e fundador do Congreso Internacional de Animación, Efectos Especiales y Nuevos Media “Mundos Digitales”, Manuel Meijide, e o cofundador da produtora audiovisual Illusorium Studios – recoñecido estudio de postprodución nacional especializado en 3D–, Raúl Rocha. Presentaron en primicia a nova rede social de Facebook, baseada en realidade virtual e con escenarios recreados pola compañía española Illusorium Studios. Tamén analizaron as posibilidades profesionais que o sector da creación dixital está demandando, centrándose sobre todo na animación e os videoxogos.
Máis de 400 rapaces participaron nas 45 xornadas celebradas este verán nas Aulas CeMIT de Galicia
O CPEIG e a AMTEGA organizaron nos meses de xullo, agosto e setembro unhas xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons e creación de personaxes para videoxogosou películas de animación, enmarcadas no programa “TechKids”, destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Organizáronse 45 obradoiros nas Aulas CeMIT de diferentes concellos das catro provincias galegas nas que participaron 464 alumnos e alumnas. O seu obxecto foi achegar aos máis novos a industria dos contidos dixitais para ofrecerlle unha visión ampla dos perfís profesionais que demanda o sector, a formación e os estudos polos que deben optar se están interesados nesta saída profesional.