Os avogados de Compostela fan o Camiño para conmemorar o 175 aniversario da institución colexial
Preto de 70 avogados e avogadas de Santiago fixeron hoxe a derradeira etapa do Camiño de Santiago, en concreto desde Arca-O Pino ata Compostela, dentro dos actos conmemorativos do 175 aniversario do Colexio de Avogados da capital galega
‘Camiñando xunt@s polo 175 aniversario’ foi unha xornada de convivencia e fraternidade, unha experiencia única para encher de avogacía a ruta xacobea e a praza do Obradoiro, á que chegaron ás 14.15 horas.
O bo tempo acompañou e durante o traxecto uníronse avogados e avogadas que decidiron non facer o traxecto completo pero querían estar na chegada ao Obradoiro, tras a que todos e todas as participantes foron a repoñer forzas nun restaurante próximo á Catedral.
“Non podíamos celebrar o noso 175 aniversario sen facer xuntos uns quilómetros do Camiño, símbolo da nosa cidade; foi unha mañana moi agradable e chea de anécdotas que non esqueceremos”, asegura o decano do colexio e tamén peregrino hoxe, Francisco Rabuñal.
Acto central
Despois do Camiño, o Colexio de Avogados de Santiago celebrará o acto central do seu 175 aniversario o próximo venres 15 de novembro, cun acto central no Paraninfo da Facultade de Historia.
O acto comezará ás 19.30 horas e inclúe a entrega de diplomas aos letrados e letradas con máis de 25 de anos de exercicio profesional e dunha medalla conmemorativa aos antigos deputados e deputadas da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago.
As principais autoridades políticas e xurídicas da cidade e de Galicia asistirán á celebración, que rematará cun viño de confraternización no propio claustro da Facultade de Historia. O colexio porá fin desta maneira aos actos de seu 175 aniversario, ‘Avogacía Compostelá 1844-2019’.