Reúnense en Santiago 200 profesores para loitar contra o sedentarismo
As consellerías de Sanidade e de Educación e a Secretaría Xeral para o Deporte unen as súas forzas nas xorandas ‘O centro educativo como promotor da actividade física e saúde’ que contan co obxectivo de promover a implantación dos Plans de Vida Activa en centros educativos escolares, coñecer ferramentas de avaliación dos plans de vida activa e coñecer experiencias de éxito en Galicia
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañado do director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, e da vicexerente do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), Raquel Vázquez Mourelle, participaron na inauguración das I Xornadas Monográficas ‘O Centro Educativo como promotor de Actividade Física e Saúde’ organizadas pola Fundación Deporte Galego co respaldo do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI). Estas xornadas que contan co obxectivo de promover a implantación dos Plans de Vida Activa en centros educativos escolares, integrados nos proxectos educativos de centro; coñecer ferramentas de avaliación dos plans de vida activa, e o seu traballo posterior en función dos resultados obtidos; así como coñecer experiencias de éxito en Galicia, contou coa participación de preto de 200 inscritos, na súa maioría profesores.
Na súa intervención, o secretario xeral puxo de manifesto a evidencia da “altamente preocupante presencia da inactividade física, cualificada xa de problema de saúde pública mundial, con todas as derivadas que de aquí podamos deducir”. Para este emendar este erro, Lete Lasa dixo que “a actividade física e o deporte deben ser parte da educación, porque contribúen á igualdade, reducen a vulnerabilidade e aportan definitivamente á formación de cidadáns autónomos e comprometidos”. Só a través da educación, apuntou, “maximizaremos os nosos resultados: menos sedentarismo, mais condición física e, por tanto, saúde; mais igualdade para todos e para todas”.
Neste sentido enumerou algunhas das necesidades que se precisan cubrir para acadar estes obxectivos como “suficiencia de tempo en horarios escolares, instalacións e equipamentos apropiados, currículos axeitadamente deseñados, procedementos apropiados de valoración, profesorado cualificado e un apoio administrativo, real e axeitado, para o establecemento de redes entre as áreas de actividade física e a atención sanitaria na comunidade local”, premisas xa apuntadas no 2008 polas directrices de actividade física da Unión Europea.
Galicia Saudable
Ademais de buscar as solucións aos problemas que nos atinxen, o secretario xeral lembrou algúns exemplos de experiencias exitosas como o Plan Galicia Saudable que comezou no ano 2012 con 50 centros q eu hoxe xa conta con 310.
Neste punto tamén agradeceu o traballo da Fundación Gasol, a Cátedra Galicia Saudable da UDC ou o Instituto de Neurociencia de Castilla y León, presentes nas xornadas e, sobre todo, o compromiso do Goberno galego na loita contra a inactividade física e o sedentarismo.
Lete sinalou como punto central destes esforzos o traballo conxunto entre as consellerías de Sanidade e de Educación e tamén a Secretaría Xeral para o Deporte e que ten atopado tanxencias de prestixio como a Plataforma DAFIS, recoñecida pola Organización Mundial da Saúde como exemplo español para Europa na promoción da actividade física no ámbito escolar e que, evidentemente, nos anima a seguir traballando.
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira destacou a existencia de programas educativos de ámbito autonómico a prol do incremento da actividade física do alumnado, como Proxecto Deportivo de Centro, que mostra a concienciación na loita contra o sedentarismo entre os máis novos. Así, sinalou tamén a aposta de Educación pola materia de libre configuración Promoción de estilos de vida saudable, para primeiro e segundo da ESO, que se imparte xa en 157 centros galegos.
Pola súa banda, a vicexerente do Sergas, Raquel Vázquez Mourelle, sinalou que a loita contra o sedentarismo e a promoción dunha vida activa saudable é unha tarefa multidisciplinar que incumbe a todos, polo que necesita unha abordaxe transversal. No que atinxe ao Sergas, asegurou que atende á diversidade e establece pautas para aqueles nenos e nenas que xa están a sufrir patoloxía crónica de base, para que, cunha prescrición individualizada, poidan beneficiarse tamén da actividade física e vivir máis e mellor. Na actualidade estase a desenvolver a primeira guía de actividade física para os nenos con cardiopatía en idade escolar cos especialistas, e en colaboración coa Fundación Deporte Galego e a Consellería de Educación.