Ordenan repetir o xuízo contra o home que tentou asasinar a súa muller nun hotel de Vigo
O alto tribunal galego ordenou a devolución das actuacións á sección cuarta da Audiencia de Pontevedra para un novo axuizamento da causa con nova composición do tribunal
A sala do Civil e Penal do TSXG anulou a sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condenou a once anos e catro meses de cárcere como autor dun delito de asasinato en grao de tentativa o home que o 2 de maio de 2016 golpeou cunha maza a súa muller no interior da habitación dun hotel de Vigo.
O alto tribunal galego ordenou a devolución das actuacións á sección cuarta da Audiencia de Pontevedra para un novo axuizamento da causa con nova composición do tribunal.
O TSXG acolleu o recurso do condenado, no que cuestionaba a imparcialidade obxectiva das maxistradas que integran o tribunal da Audiencia ao ratificar, en dúas ocasións, a súa prisión provisional.
O Superior entende que as maxistradas “entraron en contacto co material de instrución, expresando e valorando o seu contido”, polo que considera “xustificadas” as dúbidas sobre a imparcialidade obxectiva do tribunal sentenciador.